Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Anatomía dunha serea

Anatomía dunha serea

Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra.

 

Sobre a violencia obstétrica

«En todo o mundo, moitas mulleres sofren un trato irrespectuoso e ofensivo durante o parto en centros de saúde, que non só viola os dereitos das mulleres a unha atención respectuosa, senón que tamén ameaza os seus dereitos á vida, á saúde, á integridade física e á non discriminación. Esta declaración reclama un accionar máis enérxico, diálogo, investigación e apoio en relación con este importante problema de saúde pública e de dereitos humanos.»
Organización Mundial da Saúde (OMS)


O tema central deste traballo é a violencia obstétrica. Enténdese por violencia obstétrica calquera acción que patoloxice os procesos reprodutivos naturais e biolóxicos. Exprésase nun trato deshumanizado por parte dos profesionais da saúde, nun abuso de medicalización e patoloxización dos procesos naturais, traendo consigo perda de autonomía e capacidade de decidir libremente sobre os seus corpos e sexualidade, impactando negativamente na calidade de vida das mulleres.

As Nacións Unidas definen a violencia contra a muller como «todo acto de violencia de xénero que resulte, ou poida ter como resultado un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada». Así, podemos afirmar que a violencia obstétrica é unha forma de violencia de xénero.

A violencia obstétrica non só é recoñecida e denunciada pola OMS, senón que tamén é un tema central na axenda dos Comités de Ética para a asistencia sanitaria dos hospitais galegos nos últimos anos. Aínda que España non as ten tipificado especificamente como en Venezuela ou Arxentina, as prácticas constitutivas de violencia obstétrica atópanse prohibidas no noso país, xa que supoñen a vulneración de dereitos básicos recoñecidos en Convenios internacionais, así como na nosa Constitución: á integridade física e moral (artigo 15), á liberdade persoal (artigo 17) e á intimidade (artigo 18).

Ademais, existe un interese crecente sobre o tema, como demostran a gran cantidade de artigos, entrevistas, publicacións, blogs e webs especializadas que abordan o tema desde todos os ángulos posibles. Sen embargo, a violencia obstétrica segue sendo un tema tabú a nivel médico, familiar e social, algo do que non se fala na familia nin entre amigas.

Algúns enlaces de utilidade para saber máis sobre a violencia obstétrica:

Declaración da OMS sobre prevención e erradicación da falta de respecto e maltrato durante a atención do parto en centros de saúde
http://apps.who.int/iris/bitstream/handle/10665/134590/WHO_RHR_14.23_spa.pdf;jsessionid=33070FDAEAA669556834A9116960625D?sequence=1

Informe anual do Observatorio da Violencia Obstétrica 2016
https://www.elpartoesnuestro.es/blog/2016/11/25/informe-anual-del-observatorio-de-la-violencia-obstetrica-2016

Violencia obstétrica, última batalla feminista
https://www.elconfidencial.com/espana/comunidad-valenciana/2017-09-26/violencia-obstetrica-feminismo-episiotomias-vaginas-parto-embarazo_1445845/

Ibone Olza: las secuelas de la violencia obstétrica
https://iboneolza.wordpress.com/2013/04/15/las-secuelas-de-la-violencia-obstetrica/

mutilación xenital feminina en españa
https://www.elpartoesnuestro.es/blog/2010/05/20/la-mutilacion-genital-femenina-en-espana-se-llama-episiotomia