Rede Nasa
Anatomía dunha serea
Anatomía dunha serea
Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra.
-
Diario dunha serea
Falar en público dun feito traumático da túa vida non é doado. Polo menos non para min. Pero se ves que facelo pode mudar a realidade e que de pronto comezas a sentir que algo se transforma dentro de ti, entón sacas forzas para chegar ao final e poder completar esa metamorfose.
Comezamos a traballar en "Anatomía dunha serea" o tres de agosto de 2017, ese día tivemos a primeira reunión e eu sentíame feliz e chea de forza por contar a miña historia. Escribía nun diario " Daquí nun ano estarei contando no escenario o que pasou naquel paritorio". Anotei que tiña moitas dores na miña cola de serea e que me custara moito ir e vir da casa ata Compostela, pero abríase ante min un novo camiño que a día de hoxe é o que quero transitar por sempre, o da denuncia, o de utilizar a escea como medio para o cambio, esta vez sen ambaxes.
Na foto que ilustra estas letras estou expresando o que é para min a maternidade, sen querer, pois realmente estaba medindo o plano para facer un videopoema, pero ninguén o imaxinaría ao ver a unha muller cun bebé e un tendal diante. Diso se trata, de xogar e ir máis aló.
Faltan dous meses para a estrea do espectáculo, marcho agora a poñerme en salmoira.
Fai login ou rexístrate para poder comentar