Aquí tedes unha pequena mostra do traballo realizado a pasada tempada arredor de SoundpaintingTeo, un proxecto desenvolvido por Chévere dentro da súa residencia escénica en Teo para promover prácticas de integración social entre artistas, colectivos e asociacións do concello e conta coa participación das persoas usuarias de Aspamite (Asociación de Pais e Nais de Persoas con Diversidade Funcional do Concello de Teo).
No ano 2016 Chévere creou un colectivo estable de improvisación aplicando a técnica do Sound Painting, unha linguaxe universal de sinais para a composición multidisciplinar ao vivo. Combinando o adestramento continuo e as prácticas con público, o colectivo de Soundpainting Teo funciona como un obradoiro de integración social a través da creatividade compartida. Durante a tempada 2017-2018 o plan é abrir o colectivo á participación doutras persoas, asociacións culturais e veciñais e grupos de música, baile e teatro do concello de Teo e tamén ao ámbito educativo.
A linguaxe do Sound Painting está formada por máis de 1.200 xestos que son utilizados pola persoa que asume a función de Soundpainter (composición en tempo real), para indicar o tipo de material que desexa dos membros da orquestra. Trátase dunha linguaxe accesible a todo tipo de persoas e non require ningún coñecemento previo, pois utiliza múltiples elementos de aprendizaxe (verbal, visual, auditivo, kinestésico) para explorar a creatividade, recorrendo a calidades innatas e a expresións que axudan ás participantes a comprender o mundo no que viven e a si mesmas.
Vídeo: RogeFdez.