Chévere volta á Regadeira de Adela (a casa do microteatro en Compostela) con 'Sexo, mentiras e códices calixtinos', unha experiencia teatral para compartir co público nas distancias curtas. Se queres dar o paso, non tes máis que abrir a porta e entrar, cada personaxe está pechado nunha habitación coas súas circunstancias. Alí pechados durante 10 ou 15 minutos temos a oportunidade de observar como se expresan nos seus ollos as inseguridades dun actor ou dunha actriz. Podemos sentir na súa voz calquera dúbida que xurda no inicio dunha palabra, na escolla do tono, no tremor das súas mans. Verémola suor aparecer cando perde a concentración por un segundo como se fose guindarse ao baleiro pendurado dunha frase. Pero tamén podemos gozar da confianza que se deposita nun sorriso cómplice, da franqueza dunha voz sen imposturas e da sensación de vertixe que non nos abandoa ata o final. Para o actor o público desparece como tal e o que ten diante son persoas que o miran aos ollos tan perto que dan ganas de iniciar outra conversa e deixar a un lado todo iso que levas preparado. Unha experiencia que fai pender dun fío a convención na que se funda a comunicación teatral, que difumina ata o exceso todo tipo de cuarta parede. Moi recomendable, tanto para xente que queira actuar, como para xente que queira observar.
Outubro: Venres 11, venres 18 e venres 25 desde as 21,00h. ata as 22,30h. A Regadeira de Adela (Compostela)
Xuño: Mércores 19, xoves 20 desde as 20,30h. ata as 22,30h. Regadeira de Adela (Compostela)