Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Obradoiro de prácticas de creación escénica con Chévere en Teo, 21 e 22 decembro

BERBERECHEIRA
OBRADOIRO E PRÁCTICAS DE CREACIÓN CON CHÉVERE
21, 22 DECEMBRO 2015
CSC RAMALLOSA (TEO)

Dentro das actividades da Berberecheira, convócase un obradoiro de prácticas de creación escénica con Chévere dirixido a actrices e actores novos. A intención é abrir un espazo de interacción, transmisión de coñecementos e diálogo interxeracional entre unha compañía con décadas de traballo ao lombo e un grupo de actores e actrices que estean dando os seus primeiros pasos no mundo da escena. Un obradoiro que servirá para coñecer e familiarizarse coas prácticas teatrais de Chévere e para realizar un traballo de inmersión no proxecto Eroski Paraíso, a nova produción da compañía para 2016, con posibilidade de incorporar algunha das persoas participantes ao elenco da obra.

O obradoiro desenvolverase no CSC da Ramallosa, no concello de Teo. O luns 21 haberá unha sesión de mañá (11,00h. a 14,00h.) e outra de tarde (16,00h. a 20,00h.). O martes 22 unha sesión de mañá (10,30h. A 14,30h.).


REQUISITOS

  • Ter entre 18 e 25 anos.
  • Dominio da lingua galega.
  • Ter disponibilidade para traballar con Chévere a partir de xaneiro de 2016.

 

SOLICITUDES

As persoas interesadas deberán enviar antes do 4 de decembro un correo electrónico a info@grupochevere.eu poñendo no asunto “obradoiro chévere” e adxuntando a seguinte documentación:

  • currículum, no que figure o nome completo, idade, contacto e enlaces a vídeos de traballos feitos se os houbese (non é imprescindible experiencia previa)
  • un vídeo de presentación en primeira persoa: cóntanos a historia da primeira vez que fuches a unha discoteca (con quen bailaches, que música…). Duración máxima 3 minutos.

 

Entre as solicitudes recibidas farase unha selección de 12 participantes como máximo. As persoas seleccionadas recibirán a confirmación antes do 11 de decembro.

A Berberecheira é un banco marisqueiro enriquecido polas mareas que entran por unha Boca do Río aberta na praia de Carnota. Un criadeiro natural custodiado por xentes da zona para uso propio e goce do resto do mundo. De aí nace a idea desta outra Berberecheira teatral custodiada por Chévere: un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes culturais.

Máis información e consultas: 981 594996 (10h. a 14h.) e info@grupochevere.eu

 

Colabora: Concello de Teo