O 13 de novembro de 2002, un barco cargado con 77.000 toneladas de fuel sufriu unha vía de auga fronte á costa galega, que acabaría por provocar a maior catástrofe ambiental que se lembra por estas terras: era o Prestige. Pero tamén significou o espertar da sociedade galega arredor dun berro cheo de solidariedade e esperanza nun mundo mellor: Nunca Máis!
Hoxe cúmprense 15 anos daquilo, e disque non é bo esquecer o pasado para non repetir os mesmos erros. Por iso deixámosvos un numeriño da Ultranoite Burla Negra que se fixo en febreiro de 2003. Foi a carta de presentación da Década Prestigiosa, un combo paródico que usaba cancións populares para ofrecer unha visión crítica da actualidade.