Kònic thtr é unha plataforma artística con base en Barcelona dedicada á creación contemporánea na confluencia de arte, ciencia e novas tecnoloxías. A súa actividade focalízase no uso de tecnoloxía interactiva aplicada a proxectos artísticos. Este vídeo corresponde a unha das primeiras visitas de Kònic á Nasa en 1998, na que realizaron un obradoiro sobre a escena interactiva e presentaron a súa peza Ooze. Imaxes de ordenador e de cámaras de vixilancia son seleccionadas e interactuadas a partir da xestualidade da performer, recollida por uns dispositivos colocados en distintas partes do corpo, como dedos e mans. Sensores infravermellos son usados para interconectar acción, son e imaxe.
Rosa Sánchez e Alain Baumann son os promotores da liña conceptual, creativa e tecnolóxica de Kònic Thtr. Desde 1990 codirixen as actividades desta plataforma e, a través dos seus proxectos, promoven o encontro e a colaboración con artistas, teóricos e tecnólogos de diversas disciplinas e países, que son convidados a compartir as súas propostas creativas ou de investigación.