Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Mensaxe de Dario Fo para o Día Mundial do Teatro 2013

O vindeiro 27 de marzo é o Día Mundial do Teatro, unha cita creada polo Instituto Internacional do Teatro ITI en 1961 para lanzar unha mensaxe a prol da cultura, da paz e da solidariedade internacional desde os escenarios de todo o mundo. A primeira mensaxe foi escrita en 1962 polo poeta fancés Jean Cocteau. Este ano tocoulle ao autor italiano Dario Fo. Esta é a súa mensaxe, na que denuncia a persecución dos cómicos e avoga por unha nova diáspora de comediantes. Nós, que vimos de sofrer esa persecución por parte do poder, tamén somos testemuña de que a diáspora provoca oportunidades para unha nova representación. 

 

Mensaxe de Darío Fo

"Hai moito tempo, o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes ao botalos fóra do país. Actualmente, os actores e as compañías teatrais teñen dificultades para encontraren escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por mor da crise.

Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlaren a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin hai un público ao que se dirixir.

Pola contra, durante o Renacemento, en Italia, os que gobernaban, tiveron que facer un esforzo importante para manteren a raia aos Comediantes, pois reunían abondoso público.

Sábese que o grande éxodo de actores da Commedia dell'Arte tivo lugar no século da Contrarreforma, cando se decretou o desmantelamento de todos os espazos teatrais, especialmente en Roma, onde foron acusados de ofenderen á cidade santa. En 1697, o Papa Inocente XII, baixo a presión de insistentes requirimentos do sector máis conservador da burguesía e dos máximos expoñentes do clero, ordenou a eliminación do Teatro Tordinona que, segundo os moralistas, dera acubillo ao meirande número de representacións obscenas.

Na época da Contrarreforma, o cardenal Carlos Borromeo, que estivo activo no norte de Italia, consagrouse á redención dos 'nenos milaneses', establecendo unha nidia distinción entre a arte, como máxima expresión da educación espiritual, e o teatro, coma manifestación do profano e do vaidoso. Nunha carta dirixida aos seus colaboradores, que cito de memoria, exprésase máis ou menos así: "Os que estamos a prol da erradicación das malas herbas, fixemos o posible por queimar textos que conteñen discursos infames, para extirpalos da memoria dos homes, e ao mesmo tempo perseguir a todos aqueles que divulgan eses textos impresos. Evidentemente, porén, mentres durmiamos, o diaño maquinou con renovada astucia. Ata que punto é máis punzante na alma o que os ollos poden ver que o que poidan ler dos libros dese xénero! Ata que punto máis devastadora para as mentes dos adolescentes e dos nenos é a palabra falada e o xesto apropiado, que unha palabra morta impresa nun libro! Polo tanto é urxente sacarmos ás xentes do teatro e das nosas cidades, como o facemos coas almas indesexables."

Polo tanto, a única solución á crise baséase na esperanza de que se organice unha gran caza de bruxas contra todos nosoutros e especialmente contra a xente moza que desexa aprender a arte do teatro: unha nova diáspora de Comediantes que, dende tal imposición, sen lugar a dúbidas, provocará beneficios inimaxinables para o ben dunha nova representación."

*versión en galego feita pola Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia