Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Vídeo

Eurozone en vídeo (galego)

Dous anos e medio despois de iniciar o proxecto Eurozone, Chévere publica en vídeo e dividido en cinco capítulos este espectáculo feito desde o curruncho máis afastado para botar unha mirada crítica e perplexa a esta Europa dominada por elites extractivas. 

  • Anterior
  • Seguinte
Insertar

Eurozone (1/5)

Eurozone é unha obra feita desde o curruncho máis afastado para botar unha mirada crítica e perplexa a esta Europa dominada por elites extractivas. Unha produción ambiciosa para contraatacar estes tempos de crise, unha obra coral con 8 actores e actrices en escena e un equipo de case 20 persoas. Un traballo de creación colectiva que se foi artellando desde cero ao longo de dous meses de ensaios. Un proceso que estivo aberto a calquera persoa a través de Redenasa, onde permanecen visibles os diarios de todo o equipo. Eurozone recibiu 4 Premios María Casares que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia: Mellor Espectáculo, Mellor Escenografía, Mellor Iluminación e Mellor Actriz Secundaria. Unha obra que percorreu toda España como un orballo persistente en sintonía cos ventos democráticos que azoutan o réxime do 78. A primeira produción galega programada en tempada en Madrid polo CDN, onde colleitou un éxito indiscutible. En fin, unha obra feita para contribuír ao debate do presente.

Eurozone é unha farsa sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. Eurozone alimentouse da nosa perplexidade como cidadáns, da nosa impotencia, da nosa carraxe fronte a uns poderes que nos culpabilizan deste fiasco, ao que respondemos con humor e certa mala hostia.

É, tamén, un achegamento ao gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Queremos establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro. Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século. E imaxinemos que, contra todo pronóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xentiña e a metemos nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan, unha cidade da cultura, unha cidade das artes ou simplemente un casino sen inaugurar... E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa soedade utilizando contra eles a nosa rabia e a nosa indignación. Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?


En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés (Serxio Zearreta), Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade, Borja Fernández. Dirección e dramaturxia: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Iluminación: Fidel Vázquez. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Espazo escénico: Javier Domingo Ballestín e Chévere. Coreografía, loita: Iván Marcos. Espazo audiovisal: Cuco Pino/Quadra producións. Construción escenografía: Enrique Martínez. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Deseño gráfico: Fausto Isorna. Deseño web: A Navalla Suíza. Unha produción Chévere, compañía residente no concello de Teo. Apoio: Agadic, Concello de Teo. Duración: 90 minutos