Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Crítica "Oiseau Rebelle" por Inma López silva

Rebeldes

Título: Oisseau rebelle
Compañía: Funboa Escénica
Dirección, creación e interpretación: Cristina Balboa e Paulina Funes
Textos e vídeo: Cristina Balboa
Espazo escénico e vestiario: Funboa Escénica
Iluminación: Paulina Funes

Asistimos hoxe en día a algo moi interesante que está a suceder no teatro galego: os discursos femininos (e feministas) irrompen ao mesmo tempo e da man das linguaxes máis contemporáneas, sempre suxestivas, frescas e esperanzadoras. Seguindo a liña de Matarile ou Nut, xorden aquí e acolá compañías que, sinxelamente, defenden que é posíbel un teatro distinto dos veludos e os dourados, que conte aos públicos outras historias e que manteña unha relación distinta coa nosa tradición, construíndo para todos nós un teatro novo que aporta outras sensacións, outras formas de identidade e que introduce discursos que se agradecen nun panorama que, despois de máis de vinte anos, comezaba a ser máis do mesmo, construído coas mesmas correccións e coas mesmas intencións, e esquivando dunha estraña forma a mocidade refrescante, innovadora e a conseguinte posibilidade de trabucarse e, desde logo, rebelarse e revelarse.
Funboa Escénica é unha desas compañías que sorprende e agrada, unha especie de descuberta nestes tempos de crise cun teatro áxil que foxe de encorsetarse no hermetismo de linguaxes incomprensíbeis para pór en escena todo un dispositivo de formas de expresarse cun único fin, contarlle ao público non unha historia, senón unha maneira completa de ver o mundo. O seu espectáculo Oisseau rebelle vai xustamente nesa liña provocadora que, simplemente, expresa doutra maneira a condición feminina ante o amor.
Cristina Balboa e Paulina Funes, as actrices factotum deste espectáculo, desenvolven personaxes que xogan coa idea posdramática da confusión entre persoa e personaxe para centrar a atención do público nunha idea de construción persoal, de aproveitamento das aparencias coas que elas crean todo un mundo presidido, a modo de provocación, por un corazón de animal que non só se exhibe, senón que tamén serve para xogar, manexar e mesmo comer, en metáforas creativas, intelixentes e, sobre todo, conmovedoras. As actrices poñen en marcha todo un dispositivo de significantes para que nós, espectadores, non teñamos ningunha dúbida de que asistimos a un teatro sobre elas mesmas ou sobre nós, todas, onde, coma na vida mesma, cántase, fálase, chórase, e báilase co fin de mover o espectador da súa impasibilidade ante o teatro e ante o mundo.
Interesoume especialmente o uso do vídeo, nun momento verdadeiramente memorábel da peza no que as actrices crean un alter ego a través dun personaxe non representado, senón filmado, que se parece perigosamente á súa conciencia. É un momento divertido pero, sobre todo reflexivo, no que fóra da coherencia co resto do argumento da peza (que tamén está), entendemos a coherencia do propio teatro co seu contexto, coa sociedade na que este teatro xorde: no uso do vídeo está a lingua española como elemento da personalidade disgregada de todo galego, está o relato dos micromachismos de aquí e de agora que nos amolan, e está a dúbida constante entre o que somos e o que queremos ser, mesmo parecer, constantes temáticas de Oisseau rebelle aí recollidas de forma correcta e, sobre todo, enxeñosa.
Vaian velo (e non vaian ceados, que o espectáculo é un auténtico banquete de corazón en estado puro).

 

Publicada na revista Tempos