Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


DEIXAMOS TEO DESPOIS DE SEIS ANOS DE TRABALLO COMO COMPAÑÍA RESIDENTE

 

Despois de máis de seis anos traballando no concello de Teo, Chévere deixará de facelo definitivamente neste mes de setembro. Para nós foron anos de traballo moi intenso e de implicación total nun concello que non era o noso, pero que nos acolleu cos brazos abertos nun momento especialmente difícil para a compañía, despois de ter que pechar a Nasa e marchar de Santiago pola persecución do PP de Conde Roa.

 

Así que vaia en primeiro lugar o noso agradecemento a toda a xente do concello de Teo que creu en nós. Grazas pola confianza, por acompañarnos e axudarnos a levar adiante todo o que fixemos nestes anos.

 

En Teo atopamos persoas, iniciativas e proxectos que merecen todo o noso respecto e recoñecemento. Marchamos sentíndonos para sempre parte deste territorio e desta comunidade. Desde que chegamos quixemos escoitar ao tecido social e cultural e achegar propostas e actividades que complementasen, reforzasen e enriquecesen a vida cultural local. Nalgunhas cousas acertamos e noutras seguramente non tanto, pero o noso compromiso sempre foi claro e non escatimamos esforzos e recursos para levar adiante os proxectos que plantexamos. Ademais de estrear espectáculos como Eurozone (cinco semanas en cartel en Teo!), As Fillas Bravas, Ultranoite no País dos Ananos ou Eroski Paraíso, actuar en todas as parroquias do concello e recibir o Premio Nacional de Teatro, durante estes anos mantivemos en Teo o cuartel xeral da Ultranoite, abrimos un laboratorio de investigación escénica como a Berberecheira e fixemos proxectos en colaboración coa veciñanza e colectivos sociais, como Cacheiras Nadal Comedy ou SoundpaintingTeo.

 

Como sabedes, Chévere gañou no ano 2016 o concurso público convocado polo concello de Teo para contratar o servizo de produción e dinamización teatral como compañía residente. Este contrato rematou o pasado mes de xuño e desde entón estabamos á espera da nova convocatoria, á que tiñamos previsto presentarnos coa intención de dar continuidade a un traballo que deu uns resultados moi salientables, que podedes ver en detalle na memoria de actividades que adxuntamos.

 

A finais do mes de agosto a nova responsable da área de cultura do concello comunicounos que de momento non teñen previsto convocar un novo concurso, dándonos un par de semanas de prazo para que sacásemos as dotacións técnicas do auditorio municipal, que son de Chévere, e o resto de material da compañía. Non foi posible sequera organizar un acto público de despedida. Así que non parece doado que vaiamos seguir estreando en Teo as novas obras de Chévere, nin que poidamos seguir facendo as Ultranoites tal e como se viñan celebrando no auditorio da Ramallosa. Pero tampouco parece que o concello teña ningún outro modelo alternativo que se poida expoñer coa claridade coa que se pode debater sobre os resultados acadados baixo este modelo que agora desaparece.

 

Somos conscientes do esforzo que supuña para un concello mediano como o de Teo manter un contrato destas características. Por iso sabemos valorar a súa aposta por abrir novas canles de relación entre o sector cultural profesional e a administración local. Máis alá de que fose Chévere quen desenvolvese o seu programa de residencia, o importante é o marco xurídico que se creou para regular as relacións entre unha compañía/produtora cultural e o concello, garantindo o control do diñeiro público e a transparencia de todo o proceso.

 

Neste sentido, convén aclarar que a cantidade total achegada polo concello de Teo neste contrato de 3 anos foi de 90.000€ + IVE, nin un euro máis, moi lonxe das cifras que deu o PP durante a campaña electoral. Ao tratarse dunha licitación pública, esta información é accesible e pódese solicitar ao concello. Por suposto, os grupos políticos municipais coñecen perfectamente as contas do concello e as facturas presentadas pola empresa licitadora.

 

Indo un pouco máis alá, o compromiso de Chévere desde o principio foi captar outros recursos públicos e privados por un importe equivalente á achega do concello de Teo, de maneira que o investimento do concello tivese un efecto multiplicador plasmado nas actividades e programas desenvolvidos, que superaron amplamente o alcance que esixía o contrato. Ao rematar estes tres anos, os recursos alleos captados por Chévere foron de 83.000€, aos que haberia que engadir as achegas económicas da propia compañía. O esforzo para equilibrar e rendibilizar a achega do concello non parou aí, senón que os pregos do concurso xa prevían que unha parte importante do orzamento necesario para desenvolver as actividades debía proceder dos ingresos de explotación, da billeteira. Este é un risco que tivo que asumir a compañía, pois dependeu do acerto, calidade e interese dos espectáculos propostos para poder acadar a súa viabilidade económica. Ademais, a billeteira supón un exercicio de co-responsabilidade para as persoas que acoden e participan, asumindo unha parte do financiamento da actividade da que están gozando e liberando desa carga aos veciños e veciñas do concello que deciden non participar. Por fortuna, nestes tres anos as actividades programadas por Chévere superaron as 8.000 persoas asistentes e/ou participantes.

 

É moi frustrante comprobar que os resultados, a práctica e a experiencia acumulada neste tempo non é relevante para as persoas que se responsabilizan das políticas culturais, estámolo vendo en moitos lugares de Galicia (véxase o que está pasando en Ourense coa cancelación do Festival Internacional de Teatro de Ourense-FITO) e do resto de España (véxase o que está sucedendo co cese dos equipos de dirección dos teatro públicos de Madrid). Para mellorar o medio cultural é imprescindible avaliar o que se está facendo, senón sempre estaremos empezando de cero, pensando que o noso suposto modelo é mellor cos demais.

 

En fin, nós marchamos de Teo coa cara ben alta, satisfeitos pola intensidade do noso traballo e polo retorno tan positivo que nos chegou de moitos veciños e veciñas. Ímonos cheos de boas experiencias, de momentos ben lindos e arroupados pola calor de tanta xente.

 

O noso destino seica é deambular dun lugar a outro. Preparámonos para seguir o camiño, pero non perdemos a esperanza de atopar acougo nalgún sitio.