Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Vídeo
Insertar

Bravas e diversas: un proxecto de Chévere para celebrar o Día Internacional da Muller (traballadora)

Bravas e Diversas foi un proxecto de intervención escénica deseñado por Chévere para celebrar en Compostela o Día Internacional da Muller. Levouse a cabo durante os meses de febreiro e marzo de 2017 en diversos espazos do concello. O proxecto foi un encargo da Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago.

O obxectivo do proxecto é explorar as posibilidades das artes vivas para implicar a colectivos diversos de homes e mulleres no debate público sobre a igualdade, e aproveitar o potencial comunicativo das artes vivas para expoñer as problemáticas e reivindicacións existentes arredor da situación da muller na sociedade actual.

Bravas e Diversas non foi un proxecto exclusivamente artístico, senón que implicou a distintos axentes sociais máis alá do sector da creación escénica, literaria ou musical. E tampouco se tratou apenas de realizar un evento cultural, senón que se desenvolveu un proceso de traballo aberto e participado por decenas de persoas.

En resumo, tratouse de deseñar unha metodoloxía de traballo aberta e colaborativa, propoñendo un formato de espectáculo axeitado para incluír elementos lúdicos, reivindicativos e participativos.

Resumo en datos:

• O proxecto desenvolveuse entre o 8 de febreiro e o 30 de marzo.

• Realizáronse 10 actividades complementarias (obradoiros, encontros) e 1 espectáculo creado expresamente.

• En total participaron directamente nas actividades 42 persoas e 8 asociacións, colectivos e entidades da cidade.

• Nas 3 actuacións das Fillas Bravas en 3 centros socioculturais do rural de Compostela xuntáronse 140 persoas.

• As entradas para o espectáculo do Teatro Principal esgotáronse en 1 hora e media na billeteira do teatro, cun total de 405 localidades.

 

Equipo

Para este proxecto constituíuse unha equipa formada maioritariamente por mulleres, pois o obxectivo final tamén é contribuír á visibilización e profesionalización do traballo artístico feito por mulleres.

A base da equipa estivo formada por profesionais das artes escénicas, pero ampliouse a creadoras doutras linguaxes como a as artes visuais, audiovisuais, literarias e musicais. Tamén se buscou o equilibrio xeracional, combinando a participación de mulleres artistas no inicio da súa traxectoria con profesionais de longo percorrido e sobrada solvencia. Por último, tratouse de valorizar ás creadoras locais, convidando maioritariamente a artistas que viven en Compostela.

A equipa base estivo formada por un grupo de 9 persoas implicadas en diversas tarefas e traballando en equipo:

Patricia de Lorenzo (actriz, cantora)
Mónica García (actriz)
Arantza Villar (actriz, cantora)
Xesús Ron (dramaturxia)
Clara Gayo (escritora, actriz)
Esther Carrodeguas (escritora, educadora e actriz)
Renata Otero (artista visual, educadora e performer)
Margherite Morello (realizadora audiovisual)
Saúl García (fotógrafo e animador audiovisual)

Ademais, contouse coa colaboración de varias artistas convidadas:

Menina Arroutada (cantora, poeta e rapeira)
Glitch Girl (música electrónica)
Marta Alonso (bailarina e coreógrafa)
Leilía (grupo de música vogal tradicional integrado por 6 mulleres)

Por último, a equipa técnica e de produción completouse coa colaboración das seguintes persoas:

Produción: Patricia de Lorenzo, Inés Portela
Comunicación: Xana García
Iluminación: Fidel Vázquez
Son: Xurxo Pinheiro

Entidades colaboradoras:

Xiara, Asociación de Traballadoras do Fogar de Santiago de Compostela
Alfaia, escola de danza e música
AA.VV. de Enfesta
AA.VV de Bando
Escolas Infantís Municipais (Conxo, Fontiñas, Meixonfrío-Salgueiriños)
CSC Fontiñas
Facultade Ciencias da Comunicación USC
Centro Dramático Galego