Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Vídeo
Insertar

As Fillas Bravas, como se fixo

Publicamos esta vídeo reportaxe sobre o proceso de traballo feito por Chévere para construír a súa peza As Fillas Bravas, como xeito de seguir transparentando o traballo teatral da compañía e para achegalo ás persoas interesadas en coñecelo un pouquiño máis por dentro. Veredes os primeiros contactos das actrices coa pandeireta, a escolla feita das coplas recollidas, as observacións aproveitadas para dar corpo e voz ás tres mulleres, as conversas para atopar a perspectiva e o tono da obra... Botádelle un ollo se tedes curiosidades!

Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.