Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Chévere 'Premio' Nacional? de Teatro!!!

Case sen tempo a coller alento desde que recibimos a comunicación de que un xurado composto por Gregoria Navarro, Itziar Pascual, Roberto Pascual, José Manuel Sánchez Jiménez "Eusebio Calonge", Salvador Sunyer e José Ramón Barea, e presidido por Montserrat Iglesias directora do INAEM, decidiu por unanimidade conceder o Premio Nacional de Teatro á nosa compañía, queremos achegar unha valoración de urxencia desde Chévere.

Sorpresa. Neste tempo tomado por asalto pola rapidez coa que se suceden os acontecementos, vémonos arrastrados por un refacho de vento que nos levantou por uns segundo dese chan que tan firmemente tratamos de pisar para seguir facendo teatro. A sorpresa invadiunos, antes sequera de deixarnos invadir por ela.

Boas novas. Precisamos de boas novas. Non só nós en particular, que tamén, senón todos en conxunto. E este premio é sobre todo un recoñecemento a un lote ben grande de xente que acompañou a Chévere nalgún momento durante estes 27 anos de actividade. Un recoñecemento ao teatro feito en grupo, ao teatro feito coa complicidade do público. E por que non? Ao teatro feito en Galicia, que é o mesmo que dicir ao teatro feito en galego. Ao teatro que resiste en Galicia mentres o poder político desmantela o sistema cultural galego coa coartada da austeridade, a ese teatro galego que resiste frente á indiferenza do poder económico e financeiro. A ese teatro galego que resiste frente á mirada cómplice de milleiros de persoas que seguen asistindo e participando do feito teatral en calquera vila e cidade de Galicia.

Forza. Recibimos o premio co orgullo do que non ten nada que perder. Chévere non é complaciente co poder, e non o será desta volta aínda que acepte o premio. Nos últimos anos o noso traballo no escenario quixo ser unha prolongación dese berro xurdido nas prazas galegas arredor de Nunca Máis e en moitas outras prazas españolas en 2011 arredor do 15M. Un teatro feito ao pé da realidade, coas orellas moi abertas e combativo. Porque consideramos que o teatro é un foro público, unha arte visceral que acontece a partir do roce, do contacto e da fricción entre as persoas. Entendémolo como un diálogo sempre aberto.

Risco. Este premio é tamén un recoñecemento ao risco, ao atrevemento, á ousadía, a traballar sen rede. Chévere atreveuse a montar un teatro propio alá polo 92, a sala Nasa, e a mantela aberta durante 20 anos, converténdose nun punto de encontro de veciños e veciñas e nunha porta aberta para artistas e grupos doutros territorios que se alimentan da contemporaneidade.

Agradecemento. Unha parte importante deste premio correspóndelle ao concello de Teo, que nos acolleu con todo o cariño e apostou por nós e polo teatro como ferramenta de cohesión social, cando outros nos amenazaban, denunciaban e expulsaban da súa cidade.

En fin, que temos tantos motivos para compartir este premio que o facemos con todas aquelas persoas que vos sintades parte de Chévere.

Mércores 26 novembro 2014

3 comentarios

Ines Portela
Ines Portela: Parabéns!!! Terían que darvos un destes cada ano, porque ben que o merecedes!
|
Gústalle(s) a 1 persoas
Susana
Susana: Noraboa!!! Dende a Sala Nasa, pasando por Teo , fixéchedes, non só facernos cómplices das vosas risas e o voso compromiso social e persoal con Galicia, tamén aportarnos unha visión, que as veces se nos escapa, da realidade que estamos a vivir, chegando a nós con un humor, diría que duro, sobre a verdad que temos diante. Vereivos o venres en Vigo, e voltarei a disfrutar da vosa complicidade con nós, o voso público. Parabéns novamente.
|
Gústalle(s) a 1 persoas