Na tarde do sábado 15 de decembro desenvolveuse un cortexo cívico para levar o teatro de Roberto Vidal Bolaño polas rúas e tabernas de Compostela. Presidía este Vía Crucis teatral a figura da Santa Bolaña, sostida por porteadores e porteadoras voluntarias. Detrás dela formouse a procesión de acompañantes, que repetían e respondían ás ladaiñas promulgadas desde a cabeceira.
Houbo cinco paradas en cinco tabernas: o 13, o Rúa, O XaChegou, As Dúas e O Pozo, en cada unha das cales un profesional do teatro propoñía unha versión dunha peza de Vidal Bolaño para ser executada pola xente que acompañaba a procesión ou por aquela que se atopaba en cada bar. No 13 foi Vítor Mosqueira quen presentou Día sen Gloria. Na Rúa Chiqui Pereira achegounos Criaturas. No XaChegou Xron de Chévere propuxo unha versión de Rastros para voces femeninas acompañadas de coro. Nas Dúas Clara Gayo montou unha adaptación de Bailadela da Morte Ditosa. E no Pozo foi Carlos Santiago quen coordinou unha posta de Agasallo de Sombras.
Foron cinco horas de paseo, de escoita, de participación e de celebración arredor da obra de Roberto Vidal Bolaño, con asistencia de decenas de persoas que se foron sumando ao cortexo ao longo da tarde. Unha reivindicación da actualidade e vixencia da súa obra. Unha demostración de que a xente está disposta a tomar a iniciativa, a ocupar os símbolos da cultura galega para que non sexan secuestrados por un poder político que, desde institucións como a consellería, Agadic ou CDG, tan pouco e tan mal están a defender a nosa dignidade cultural como galegos e cidadáns.