Esta é unha vídeo-reportaxe de Quadra Producións para contarvos como foi a experiencia de levar ás Fillas Bravas actuar a unha casa da aldea de Solleiros (Esteiro, Muros) para un grupo de veciñas, coas que compartimos un tempo de lecer, conversa e comida en clave feminina.
Trátase dunha iniciativa para achegar o teatro profesional a zonas rurais, feita en colaboración entre a consultora Promove e a compañía de teatro Chévere e que contou coa participación e apoio das veciñas e veciños de Solleiros.
Recuperar o valor do teatro como lugar de encontro, convivencia e debate público. Establecer unha conversa aberta entre creadoras e veciñas. Reinventar os tempos de lecer das mulleres do rural adaptándoos aos seus ritmos de vida. Crebar as fronteiras entre o público e o privado. E ademais, neste caso, contrastar cun grupo de mulleres maiores os contidos e argumentos dunha obra de teatro que utiliza o cancioneiro popular galego para expoñer un modelo empoderado de muller, vencellado á vivencia do mundo rural.
A experiencia foi moi produtiva e satisfactoria, toda a xente saiu pensando xa na próxima. Abríronse novos xeitos de vivir o teatro e de facelo circular fóra dos circuítos establecidos, facéndoo accesible a novos públicos.