O pais dos ananos
En xaneiro de 1993 empezaron a facerse as Ultranoites na Nasa, ao mesmo tempo que a Xunta de Galicia inventaba un alter ego para incoporporarse ao futuro, o Xacobeo, surfeando sobre a marea de subvencións que chegaban da Unión Europea. A Galicia xacobea e a Ultranoite medraron en paralelo sen cruzar nunca os seus camiños. Por unha chegaron cartos a chou, autovías, aeroportos, universidades, polígonos industriais, paseos marítimos, portos exteriores, auditorios, campañas publicitarias, fundacións de todo tipo e mesmo unha Cidade da Cultura que permanece en ruinas como símbolo dun país de ananos que quixo ser xigante. Mentres, a Ultranoite mergullouse en canles subterráneas onde o único alimento era o humor, a risa, a perrallada.
Agora, 20 anos despois, aproveitando este silencio temporal da Galicia xacobea, facemos unha paradiña no camiño da Ultranoite para botar a vista atrás con rencor, amargura, mala hostia e moita retranca e certificar musicalmente sobre o escenario a nosa derrota. Galicia segue imparable na súa perda de identidade. E a Ultranoite desborda personalidade.