Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Ultranoite no País dos Ananos

Este ano cúmprense dúas décadas dende a celebración da primeira ultranoite; vinte anos ininterrompidos durante os que Chévere subiu aos escenarios para escribir a crónica de Galicia a través deste cabaré irreverente e perralleiro. Hoxe, en abril de 2014, Chévere quérelle render homenaxe a este xénero que xa asume como propio e ao que tanto lle debe a través da Ultranoite no País dos Ananos, un cabaré nihilista que bebe da obra de Celso Emilio e da de Jonathan Swift para facer un percorrido satírico por este paseo marítimo que chamamos Galicia. Para saber máis, entra...

Un cabaré nihilista

O País dos Ananos é unha viaxe retranqueira que facemos a través da Ultranoite ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo enfermo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor. Para retratar esta terra humillada polo asfalto servímonos da compañía de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Diante deles nós somos simples aprendices. E seguramente esta Ultranoite é unha marcianada máis propia da Serie B. Pero somos honestos, non nos gusta nada como se fixeron as cousas, estamos convencidos de que se poderían ter feito mellor de calquera outra maneira só cun chisco de xenerosidade e honradez e tal e como están as cousas non confiamos en absoluto que isto teña amaño. Só un cheiro satírico pode facer respirable unha democracia tan fedorenta.
Esta Ultranoite no Pais dos Ananos ten un estómago e un corazón. Co estómago na man fixemos uns sketches inzados de tópicos, chascarrillos e lugares comúns para ceibar unhas risas cómplices. A corazón aberto ofrecemos unha presa de músicas e cancións sen lugar para esperanza, pero dun lirismo, unha beleza e unha contundencia incomprensiblemente arrebatadoras. E xuntando estómago e corazón cun aire decadente deberiamos obter un cabaré nihilista construído para rirse da indiferencia dun pobo diante da súa autodestrución.