Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


De que fala Anatomía dunha serea?

Anatomía dunha serea nace da necesidade de contar unha historia íntima, de transformar un acontecemento único e ao mesmo tempo común a moitas mulleres nun acto escénico compartido. Un relato aparentemente unipersoal e illado que de pronto ten eco noutras persoas en todo o mundo, converténdose nunha historia global contada nunha voz soa.

Cando Iria Pinheiro entrou no hospital para dar a luz con rotura de bolsa amniótica non sabía que nas seguintes horas mudaría a súa vida para sempre. Varios días despois saiu mutilada daquel edificio, coa sensación de ter sido estafada e sen o seu fillo. Foi abandonada polo sistema e tivo que xestionar a súa dor e recuperación en soidade. Pero axiña descubriu que non era a única muller mutilada no momento de parir. Investiga nas redes e atopa testemuños por todo o mundo. Entón é cando se convence da necesidade de abrir un camiño para outras mulleres, contando a súa historia no espazo público cos medios que ten ao seu alcance: os que lle proporciona o seu traballo en escena.

Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.

Mulleres e homes temos responsabilidade no que se conta nesta peza, e temos a posibilidade de mudar o relato e a Historia.