Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Vídeo

Testosterona

Testosterona é un proxecto de creación escénica e invervención cultural sobre identidade e construción de xénero que Chévere estreou no ano 2009 composto por un obradoiro para-teatral, unha conferencia espectáculo e esta obra de teatro, que agora publicamos integramente en Redenasa.tv dividida en cinco partes.

Insertar

Testosterona (4/4)

Testosterona é un proxecto de creación escénica e invervención cultural sobre identidade e construción de xénero que Chévere estreou no ano 2009 composto por un obradoiro para-teatral, unha conferencia espectáculo e esta obra de teatro, que ofrecemos integramente dividida en cinco partes. Testosterona permaneceu en cartel durante cinco semanas na Sala Nasa e xirou por boa parte de Galicia e España ata completar máis de 70 funcións.

Trátase dunha obra que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e plantexa a posibilidade dun xénero de código aberto, copyleft, modificable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock’n’roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se sirve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo, ou o vídeo, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia. Sen renunciar aos elementos propios do teatro Chévere: humor, irreverencia, complicidade co público..., Testosterona explora tamén o territorio das emocións.

Tito e Fran son dous colegas que acaban de montar un grupete de punk-rock, Os Dildos. Hoxe terán que tocar eles dous sós, guitarra e batería, porque Luismi, o baixista, deixou o grupo antes de que poidesen dar o seu primeiro concerto. Tito é a figura carismática dos Dildos, un guitarrista curtido en todo tipo de conflitos e disputas. Fran é o cerebro do grupo, un baterista atípico que escribe coa mesma contundencia coa que golpexa na caixa.

Unha obra creada por Patricia de Lorenzo, Natalia Outeiro e Xron, feita coa colaboración de Carlos Alonso (escenografía, atrezzo), Xacobe Martínez Antelo (banda sonora), Fanny Bello (caracterización), Juancho Gianzo (produción), Fidel Vázquez (iluminación), Xurxo Pinheiro (son), Patricia Falci (vídeos), Ana Pintos (foto), Rosana (perruquería), Adriana Tubío (administración, distribución), Elena Valiño (comunicación) e Fausto Isorna (deseño gráfico). Unha co-produción do Grupo Chévere e a sala NASA. Para a elaboración deste espectáculo foron fundamentais as lecturas de autoras como Beatriz Preciado, Anne Fausto-Sterling, Valerie Solanas, Judith Batler, Virginie Despentes, Donna Haraway ou Eve Kosofsky. O noso agradecimento ao Centro Dramático Galego, a Patri e Expo de Lilith, á doutora Helena Rodríguez, ao doutor Jose Ferro, e a todas as mulleres participantes nos obradoiros «Ser home por un día».

1 comentarios

Patricia de Lorenzo
Patricia de Lorenzo: O que non se sabe é o medo que pasei sempre enriba do armario, nin dentro nin fora, enriba. Menos mal que estaba a compañeira aí, dando seguridade.
|