Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Vídeo
Insertar

Berberechévere, a primeira quincena de agosto na Ramallosa

Do 1 ao 15 de xullo está aberto o prazo de inscrición para Berberechévere, un campamento de verán para nenos e nenas de 8 a 12 anos, que organiza Chévere na Ramallosa (Teo) durante a primeira quincena de agosto arredor das prácticas teatrais. Berberechévere recolle a experiencia de Nanonasa, o campamento de verán que se fixo na Nasa durante os anos 2009, 2010 e 2011, do que vos deixamos este vídeo. 

Berberechévere é unha actividade lúdica arredor do teatro e as artes vivas dirixida a rapaces e rapazas. Tamén é un achegamento ao universo estético e ás prácticas creativas do grupo Chévere, compañía que está desenvolvendo un programa de residencia teatral no concello de Teo. Chévere propón introducir no mundo do teatro aos rapaces e rapazas participantes a través da súa obra Río Bravo, aproveitando os seus personaxes, escenas, diálogos e cancións para xogar a facer teatro en grupo. Ademais, contaremos coa visita de artistas vencellados á actividade do grupo Chévere (actores, actrices, músicos, titiriteiros...), que compartirán cos nenos e nenas a súa experiencia, coordinarán unha práctica escénica e farán unha pequena actuación.

 

INFO

Participantes: nenos/as de 8 a 12 anos (darase prioridade a quen estea  empadroado/a no concello de Teo).
Lugar  de realización: Auditorio da Ramallosa (Teo).
Prezo (inclúe materiais): 70 euros. En caso de inscribir varios irmáns, a cota será de 50 € cada un/unha.
Datas: do 1 ao 14 de agosto, de luns a venres (agás o día 10).
Horario: de 10:00 horas a 14:00 horas. A recepción farase ás 10:00h., momento no que darán comezo as actividades. A recollida farase entre 14:00h. e 14:15h.
Número máximo de prazas: 20.  
Número mínimo de prazas cubertas para que se faga o campamento: 10


INSCRICIÓNS

Inscrición: do 1 ao 15 de xullo
As inscricións faranse a través do correo electrónico: berberechevere@grupochevere.eu ou no teléfono 981 594996 (de 11h. a 15h.), indicando nome e apelidos do/a rapaz/a, a data de nacemento, enderezo familiar, teléfono e mail de contacto.
Listaxe de admisións: a partir do día 18 de xullo estará exposta no Centro Sociocultural da Ramallosa e no web http://redenasa.tv/gl/. Tamén se enviará un correo electrónico de resposta a todas as solicitudes.
Pagamento: do 18 ao 30 de xullo (unha vez comprobada a listaxe de admisións).

Para confirmar as inscricións será necesario entregar o xustificante de pagamento no inicio das actividades. O pagamento desta actividade farase na conta da compañía Chévere: 2100 5753 02 0200053280, indicando nome do/a neno/a e concepto: berberechévere.

Se algún neno ou nena precisa de medicación ou coidado especial, deberá ser comunicado no momento da inscrición.


Monitores:

Patricia de Lorenzo. Actriz, forma parte do grupo Chévere desde 1995, traballando en todos os espectáculos da compañía desde entón. Tamén foi actriz do Centro Dramático Galego e da compañía Teatro do Aquí. Traballou como actriz de dobraxe ata 2009. Ten participado en numerosas series de televisión (Pepe o Inglés, Terras de Miranda), curtametraxes e longametraxes. No ano 2011 recibiu o Premio de Teatro María Casares á mellor actriz protagonista e o Premio Maruxa Villanueva.

Xesús Ron. Membro do grupo Chévere desde 1988, ten realizado tarefas de interpretación, escrita, dramaturxia ou dirección en todos os espectáculos da compañía. Foi director artístico e xerente da sala Nasa desde 1992 ata 2011.

Artistas convidados:

Miguel de Lira: actor, membro fundador da compañía Chévere.
Manuel Cortés: actor, escritor, membro da compañía Chévere.
Marcos Ptt Carballido: actor, titiriteiro, bailarín.
Carlos Alonso: escenógrafo, figurinista.
Xacobe Martínez Antelo: músico e compositor.
Fidel Vázquez: músico, técnico de son e iluminador.

2 comentarios

RedeNasa
RedeNasa: Leo, a nós tamén nos gustou compartir con vós o espazo de Nanonasa, e cando a Nasa peche intentaremos facer algo parecido noutro lugar
|
renata otero
renata otero: Gustoume moito ir os tres anos á Nanonasa e dame moita pena que pechen. Unha aperta a todos os que trabalaron na Nanonasa (Leo).
|