No 2012 cúmprense 25 anos de actividade do Grupo Chévere. Con tal motivo, rescatamos do arquivo este vídeo de hai 20 anos, o acto de clausura deste Congreso-espectáculo de 3 días de duración, que misturaba teatro, música, proxeccións, forzando os límites entre o que é teatro e o que é congreso, entre o que é espectáculo e o que é realidade.
O I Congreso Internacional de Monstros foi unha co-produción dos Encontros Europeos no Camiño de Santiago e desenvolveuse en distintos espazos da cidade, creando a expectativa dun auténtico congreso sobre monstros desde o propio márketing asociado, e no que había inscricións, ponencias e actividades. O acto central foi a clausura do congreso, que tivo lugar no parque do Auditorio de Galicia, mesmo antes da súa inauguración. Alí se deron cita unhas dúas mil persoas en pleno mes de novembro para asistir a un show protagonizado polos monstros que se paseaban entre a xente ou sobre a auga, coa música de Nicho Varullo de fondo e cunhas proxeccións de gran tamaño sobre a fachada do auditorio.