Luns pola mañá, no IES de Cacheiras as aulas comezan de xeito distinto para o alumnado de 3º da ESO, máis de 120 rapazas e rapaces que asistiron a un encontro ao vivo con catro músicos de jazz: Pablo Castaño (saxo), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería) e Xacobe Martínez Antelo (contrbaixo).
O encontro foi un concerto, foi unha jam e tamén foi unha clase maxistral sobre unha materia que non está nas currículas escolares, pero que interesou a todos os asistentes: o jazz. Sobre todo porque quen estaba alí diante deles falando eran catro músicos profesionais que transmitían coñecementos desde a experiencia propia. Falaron do máis básico, dos instrumentos de traballo, falaron do que para eles era o jazz como práctica musical e como actitude fronte á música, analizaron temas, explicaron como se estruturan e como opera o músico para improvisar e trazaron unha panorámica do jazz desde Duke Ellington ata as composicións máis contemporáneas.