Rede Nasa
Ultranoite no País dos Ananos
Este ano cúmprense dúas décadas dende a celebración da primeira ultranoite; vinte anos ininterrompidos durante os que Chévere subiu aos escenarios para escribir a crónica de Galicia a través deste cabaré irreverente e perralleiro. Hoxe, en abril de 2014, Chévere quérelle render homenaxe a este xénero que xa asume como propio e ao que tanto lle debe a través da Ultranoite no País dos Ananos, un cabaré nihilista que bebe da obra de Celso Emilio e da de Jonathan Swift para facer un percorrido satírico por este paseo marítimo que chamamos Galicia. Para saber máis, entra...
-
Viaxando ao País dos Ananos
Redacción Chévere:Pasaron xa vinte anos dende que a Sala Nasa acolleu a Ultranoite fundacional, o espectáculo a partir do cal nacería o formato máis característico do Grupo Chévere, o cabaré noctámbulo, irreverente, subterráneo e perrallas a partir do cal é posible reconstruír boa parte da historia recente de Galicia. Dúas décadas despois, dende o asombro que nos produce o feito de que este cabaré colectivo e improvisado teña sobrevivido ata o 2014, queremos facer unha parada e renderlle homenaxe a este xénero propio que desempeñou un papel tan importante na historia da compañía, que fixo de trampolín para tantos actores, que reuniu a tantas persoas e que acabou por despegar do escenario orixinal da Nasa para instalarse noutros teatros máis ou menos alleos. Por iso, desta vez, o equipo das ultranoites, músicos e actores, xuntouse para preparar unha viaxe ao país dos ananos. A diferenza de Gulliver, nós non tivemos que coller ningún barco para chegar aí, tan só cruzar a porta da casa e mirar ao noso redor cun extra de curiosidade e distancia.
Fai login ou rexístrate para poder comentar