Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Eurozone

Eurozone

Abrimos este espazo para transparentar o proceso de traballo de Eurozone, a nova obra dos Chévere. Para que podas entrar e compartir probas, erros, dúbidas e solucións que van aparecendo cada día. Un espazo onde poderás interactuar cos actores e actrices da obra e seguir o desenvolvemento dos ensaios a través dos diarios de cada un deles. No Blog de Eurozone tamén atoparás información sobre os materiais xerados, sobre convocatorias, ensaios abertos, datas de estrea e funcións da obra.

Sinopse

Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século. E imaxinemos que, contra todo pronóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xentiña e a metemos nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan. E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa soedade utilizando contra eles a nosa rabia e a nosa indignación.

Eurozone é un achegamento ao gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Queremos establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro.

Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?