Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Eurozone

Eurozone

Abrimos este espazo para transparentar o proceso de traballo de Eurozone, a nova obra dos Chévere. Para que podas entrar e compartir probas, erros, dúbidas e solucións que van aparecendo cada día. Un espazo onde poderás interactuar cos actores e actrices da obra e seguir o desenvolvemento dos ensaios a través dos diarios de cada un deles. No Blog de Eurozone tamén atoparás información sobre os materiais xerados, sobre convocatorias, ensaios abertos, datas de estrea e funcións da obra.

Que é Eurozone?

Eurozone é un panfleto teatral sobre a crise da zona euro. Un auténtico pastiche no que se mesturan as referencias directas a Reservoir Dogs (a mítica primeira pelicula de Tarantino), coa linguaxe da publicidade, dos casinos online, os bailes de salón e o argot económico que asulaga as nosas vidas.

Eurozone é unha farsa teatral sobre a crise da zona euro que fala sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. Eurozone alimentouse da nosa perplexidade como cidadáns, da nosa impotencia, da nosa carraxe e da necesidade de desafogar a ira acumulada con todo o humor disponible.

Eurozone é unha reflexión sobre un dos maiores relatos colectivos construídos na época contemporánea: a reconstrución da idea de Europa despois da 2ª Guerra Mundial. Como toda historia, ten un principio, un desenvolvemento e un final. Eurozone parte do suposto de que neste momento da historia estamos participando na escrita do seu final. E consideramos que hai que contribuír a este último capítulo non só como cidadáns, senón tamén como creadores, porque non debemos deixar que sexan mans alleas as que redacten o relato da historia, que tamén é a nosa historia.

A aceleración dos sucesos que integran esta historia e a rapidez coa que podemos intervir, intercambiar, comentar, modificar estes acontecementos fan que a nosa participación na historia sexa máis intensa que nunca. Máis presente. Máis horizontal. Pasamos dunha historia con todos os dereitos reservados a unha historia de código aberto que se pode transitar, compartir, intercambiar, rescribir, transformar... 

Eurozone xurde como resposta á última escena do espectáculo anterior da compañía: Citizen. Se entón Chévere deixaba aberto o final como un xesto escénico de escoita cara ao público, en Eurozone Chévere móllase desde o principio e ofrece a súa visión sobre os conflitos do presente.

Eurozone ademáis é unha demostración do compromiso da compañía por manter activa a escena cultural galega e un teatro de creación contemporánea, aumindo unha produción ambiciosa nun momento de recortes enormes, inxustos e xeralizados. Unha obra coral con 8 actores e actrices que están en escena todo o tempo e cunha montaxe escenográfica importante, resultado dun concurso de ideas dirixido a arquitectos e estudiantes realizado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, ao que se presentaron 32 proxectos procedentes de diversas comunidades autónomas e de Portugal.

Eurozone é tamén unha aposta polo traballo de creación colaborativa, no que participou todo o equipo de actores e actrices e que se foi artellando desde cero ao longo de dous meses de ensaios. Un proceso que estivo aberto a unha conversa online con calquera persoa interesada a través dun microsite específico creado na plataforma dixital de contidos culturais Redenasa, onde permanece visible a bitácora dos ensaios.