Ultranoite do Aquí (Pontevedra)
Despois de 20 anos ocupando o escenario da Sala Nasa de Compostela, a Ultranoite chega ao Vestíbulo do Pazo da Cultura para compartir co público de Pontevedra unha noite única de teatro e música ao vivo, de humor e crítica, mantendo un formato de espectáculo de variedades que permite ao público sentar nunha mesa e beber mentres asiste a unha sucesión de sketches cómicos e números musicais que fan escarnio da actualidade. Ultranoiteas con nós?
Nesta ocasión, a Ultranoite vai facer un exercicio moi teatral: achegarse á actualidade desde a perspectiva da figura e da obra de Roberto Vidal Bolaño, home de teatro e compañeiro de andanzas cabareteiras a quen este ano se dedica o Día das Letras Galegas. A Ultranoite non podía pasar por alto o feito de que un dos seus habitantes chegase a obter esta honra. E a canalla do teatro galego tampouco podía deixar pasar a ocasión para reinvindicar a parte máis gamberra, incorrecta e fastidiosa dun autor e dunha persoa como Vidal Bolaño. Que faria Roberto con todo este lío de sotanas que asulaga a catedral de Santiago, él que tanto quixo falar de intrigas catedralicias? Que pensaría de todo o que foi acontecendo na vida cultural galega desde que morreu? Como se tomaría isto de que lle dedicasen o Día das Letras Galegas a él antes que a Carlos Casares? E como actuaría diante do esperpento no que se ten convertido a política deste país? Podería Urdangarín ser outra máis das súas Criaturas? Darían os dous papas do Vaticano para outra peza? E o das fotos de Feijoo de vacacións cun narcotraficante? A que personaxes públicos elexiría como obxectivo da súa ira teatral? Con que cancións se arrouparía?
A ULTRANOITE é un formato de espectáculo inventado e desenvolvido na Sala NASA de Santiago de Compostela. Desde xaneiro de 1993, e ao longo de moitas noites de improvisacións, risas, fracasos e complicidades, decenas de actores, actrices, músicos, escritores, cantantes, malabaristas, magos, vedetes, cómicos e demais habitantes da noite e do espectáculo, xunto a milleiros de espectadores e espectadoras, foron dando forma a un espectáculo híbrido que se foi alimentando do xénero do cabaré e das súas múltiples variantes: o vodevil, o cabaré literario, a revista, o cabaré político, o music-hall, o teatro de variedades, o café teatro, etc. Se a todo isto engadimos unha mirada crítica e irreverente á actualidade, o particular sentido do humor que se practica en Galiza e unha posta en escena que fixo da perrallada un modus operandi perfecto, obteremos un novo xénero que xa non ten outra definición que o seu propio título: a Ultranoite, un pouco máis alá do cabaré e moi perto da realidade, o entretemento máis canalla, o teatro máis espontáneo!
Os días das funcións as entradas pódense mercar na billeteira do Pazo da Cultura desde as 20,30h.
Con participación de, entre outros: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Mónica Caamaño. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián. Vídeos: Quadra Producións. Coa colaboración da concellaría de cultura do concello de Pontevedra.
-
(22:30h.)
Vestíbulo Pazo da Cultura PontevedraRúa Alexandre Bóveda 36005 Pontevedra(22:30h.)
Vestíbulo Pazo da Cultura PontevedraRúa Alexandre Bóveda 36005 Pontevedra -
(22:30h.)
Vestíbulo Pazo da Cultura PontevedraRúa Alexandre Bóveda 36005 Pontevedra(22:30h.)
Vestíbulo Pazo da Cultura PontevedraRúa Alexandre Bóveda 36005 Pontevedra