Tierra pisada, por donde se anda, camino
Por terceiro ano, a Nasa convoca o seu campamento infantil de verán, dirixido polo grupo Chévere como compañía residente da sala, e que conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Trátase dunha actividade lúdica e cultural, para que a rapazada coñeza e habite durante dúas semanas nun espazo teatral non convencional que é alleo a súa experiencia habitual. Podedes facer as inscricións desde xa contactando coa Nasa.
Contidos:
• Música: obradoiro de construción de instrumentos musicais con materiais de refugallo, achegamento a músicas e sonoridades do mundo.
• Teatro: a través de xogos participativos traballarase coa voz (achegamento á dobraxe), o espazo teatral (escenografía), os obxectos en escena (títeres, sombras), o texto e o ritmo (poesía escénica) e coa creación de personaxes (xestualidade, caracterización).
• Cine: proxeccións comentadas de filmes clásicos: Sparrows (1926), de William Beaudine; Tarzán en Nova Iorque (1942), de Richard Thorpe.
• Cociña: prácticas básicas de cociña para cativos: o segredo das rosquillas, fantasías de filloas, aperitivos para todos.
• Asinoterapia: visita ao Centro de Asinoterapia da Fundación Eomaia “O Fogar do meu burro”, un centro creado para ofrecer actividades medioambientais e terapias asistidas con asnos para nen@s e persoas con necesidades especiais. Está situado na aldea de Lamas, no Val da Mahía. www.fundacioneomaia.com
• Artistas convidados: ao final da mañá, algúns días contaremos coa visita de artistas vencellados á actividade da Sala Nasa (actores, actrices, músicos, titiriteiros, bailarines...), que compartirán cos nenos e nenas a súa experiencia e farán breves presentacións.
Público: nenos e nenas entre 6 e 11 anos.
Horario: a recepción dos cativos farase entre 9,45h. e 10,00h., momento no que darán comezo as actividades. A recollida farase entre 14,00h. e 14,15h.
O campamento inclúe un almorzo a media mañá.
Nº de prazas: 35
Prezo (inclúe materiais, almorzos, transporte ao Centro de Asinoterapia e xantar do último día): 110 € / Tripulación: 90 €
En caso de inscribir varios irmáns, a cota será de 90 € cada un/unha
Inscricións: ata o 24 de xuño, por orde de recepción. Pódense facer directamente na oficina da Sala NASA, de luns a venres entre 10,00h. e 15,00h. ou enviando os datos de inscrición a: Sala NASA, Rúa San Lourenzo 51-53 15705 Santiago D.C. ou no mail nanonasa@salanasa.com, indicando o nome completo do/a rapaz/a, a idade, un enderezo, un teléfono e un e.mail de contacto.
Para confirmar as inscricións será necesario adxuntar o resgardo de pagamento (ingreso na conta 2100 5753 03 0200055189, indicando nome do neno/a e concepto: nanonasa).
Inscrición por semana:
Reservaranse un máximo de 5 prazas para inscricións parciais dunha semana, de luns a venres.
O prezo será de 60 € (tripulación/irmáns: 50 €)
Se algún neno ou nena ten algunha alerxia a algún alimento ou precisa dalgunha medicación ou coidado especial, deberá ser comunicado no momento da inscrición.
Monitores:
Tomás Rábanos Muro, pedagogo en educación musical, cociñeiro e asinoterapeuta. Cursou estudos en diversas metodoloxías da pedagoxía musical, así como cursos de psicomotricidade, psicoloxía infantil e de dirección coral. Vén traballando nesta especialidade dende o ano 1986, impartindo clases, cursos e obradoiros e dirixindo campamentos de verán para nenos. Tamén ten impartido cursos para a formación do profesorado.
Miguel Curra é músico e cantante cunha traxectoria escénica de máis de 15 anos. Liderou bandas como Os Piores e Tombstones, foi músico de sesión para numerosos artistas, membro de coros como A Rá e Escola Estudio, dirixidos por Ramón Bermejo e traballou en producións escénicas como actor e técnico de son. Realizou estudios de imaxe e son, dobraxe e pedagoxía musical, especializándose na realización de obradoiros que mesturan música e teatro.
Organiza: Sala NASA e Chévere, compañía residente na sala.
Dirección do proxecto: Xesús Ron.
Produción e coordenación: Juancho Gianzo, Montserrat S. Alonso.
Persoal de apoio: Ángel Lago, Arantza Villar.
Técnica: Xacobo Castro.
-
(16:53h.)
-
(16:53h.)