La puta y el gigante
A compañía Inversa Teatro presenta na Sala Santart a peza Kamouraska. Dirixida por Vanesa Sotelo e interpretado polas actrices Beatriz Campos, María Caparrini e Marta Pérez, Kamouraska poderá verse o sábado 3 e domingo 4 de Marzo ás 21.00 horas.
Kamouraska é un lugar mental no que as súas tres habitantes (entre humanas e caninas) teñen a posibilidade de reinventar un universo con regras propias no que o xogo é rirse da infelicidade para ser feliz. O desequlibrio entre a necesidade e a imposibilidade de amar, de pertencer a un lugar e de soñar, dá pé a un espectáculo de corte contemporáneo e carácter asociativo que procura o riso como vía de escape ante o violento acto de existir. Pensada como unha comedia cruel dentro dunha traxedia subterránea, Kamouraska ofrece once embates percorridos de excentricidade, elementos grotescos e desenfadados que desembocan nun cambio de pel das actrices en escena.
Inversa Teatro é unha compañía de teatro profesional fundada en 2009 por Marta Pérez e que xa conta con catro producións nun exemplo de incesante actividade. A aposta polos novos creadores e creadoras, a posta en valor do feminino e a convivencia de diferentes linguaxes nos seus proxectos son algunhas das claves de Inversa que, despois de Expostas, A illa das mulleres loucas e Kamouraska vén de estrear Paper Dolls: un espectáculo escrito e dirixido por Lola Correa que inclúe o documental Paper Dolls.doc sobre o proceso creativo da peza e que conta coa dirección de Manu Paz.
-
(17:19h.)
-
(17:19h.)