Bravas e Diversas
A entrada para o espectáculo é de balde, previa recollida dos billetes a partir do 4 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela, entre as 18,00h. e as 21,00h.
Eu nom quiria fazer, pero fige-no
Eu nom quería saber, pero soubem
Eu nom quería morrer, pero morrí tan-tas vezes, ai
Eu que nom quiría doer, pero doí
Eu que nom quiría foder, pero fodí
Eu que nom quiría bater, pero batí outra ves naquela pedra.
Menina Arroutada
Bravas e Diversas é un espectáculo argallado por Chévere para celebrar en Compostela o Día Internacional da Muller. Unha celebración que non só non esquecerá a loita constante polos dereitos plenos das mulleres, senón que se alimentará desa reivindicación radical de igualdade de dereitos. Unha peza con soporte escénico para contribuír a feminizar a cultura, recuperar suxeitos e temáticas excluídas, incorporar puntos de vista, democratizar a produción de imaxinarios. Trátase de construír unha paisaxe, aínda que apenas sexa escénica, na que as mulleres poidan imaxinarse sen limitacións, unha nova paisaxe para poder contar o mundo doutro xeito.
Recoñecer no día da excepción a aquelas mulleres que defenden a visibilización do seu traballo ao longo de todo o ano e de toda a vida.
Para este proxecto formouse unha equipa integrada maioritariamente por mulleres, pois o obxectivo final tamén é contribuír á visibilización do traballo artístico feito por mulleres. Hai unha equipa base, formada por un grupo de 8 persoas implicadas en diversas tarefas e traballando en equipo: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, Clara Gayo, Esther Carrodeguas, Renata Otero, Xesús Ron, Margherite Morello. Ademais, contarase coas intervencións de varias artistas convidadas: Menina Arroutada&Glitch Girl, Leilía e a bailarina Marta Alonso. A equipa técnica e de produción complétase coa colaboración das seguintes persoas: Patricia de Lorenzo, Inés Portela, Xana García, Fidel Vázquez e Xurxo Pinheiro.
Proceso
Todo o contido deste espectáculo será creado expresamente e de maneira colectiva, convertendo o proceso de creación nunha oportunidade para a reflexión en grupo e a interacción social con outras mulleres. Ademais dos ensaios conxuntos coas persoas da equipa base e os ensaios xerais coas artistas convidadas, vaise abrir o proceso de traballo a outros colectivos da cidade, para ampliar a participación e non limitarse ao sector artístico. Trátase de facer unha serie de encontros-obradoiros previos ao espectáculo do 8 de marzo que servirán tamén para recoller historias e contidos e compartir experiencias e emocións.
-Obradoiro 1(en colaboración con Xiara, Asociación de Traballadoras Domésticas). Dirixido e dinamizado por Esther Carrodeguas. O obxectivo é compartir experiencias, inquedanzas, problemas e sentimentos coas traballadoras do fogar asociadas, nun espazo de participación lúdica no que tamén se integrarán as actrices. Trátase de extraer historias, palabras, voces, movementos..., para elaborar unha serie de poemas escénicos.
-Obradoiro 2: encontro-actuación con mulleres maiores veciñas do medio rural de Compostela. A idea é facer unha actuación das Fillas Bravas nun centro socio-cultural da zona rural de Compostela, para descentralizar polo menos unha actividade fóra do centro urbano. Ao rematar a actuación ábrese un diálogo coas mulleres presentes para recoller historias, berros, cantos e sentimentos.
-Obradoiro 3: práctica escénica dirixida e dinamizada pola bailarina Marta Alonso. Trátase de construír un número de danza e movemento cun grupo de homes voluntarios, usando elementos como carriños de bebé, sillas, mochilas ou carros da compra, para tratar o tema da corresponsabilidade a través do movemento.
Bravas e Diversas é un encargo da Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, dentro do marco do programa Compostela Territorio de Mulleres, para celebrar o Día Internacional da Muller 2017.
-
(20:30h.)
Teatro Principal. Santiago de CompostelaRúa Nova 21. 15701 Santiago de Compostela(20:30h.)
Teatro Principal. Santiago de CompostelaRúa Nova 21. 15701 Santiago de Compostela