![Dez anos de Parto](/scene/uploads/$eventos/imaxe/4c0dfb3791bb10.93941524.jpg?options=resize%2C800%2C%2Ccenter%2Cmiddle)
Dez anos de Parto
Carles Flavià é un personaxe vencellado á escena cultural barcelonesa máis canalla e gamberra. Empezou como road manager de xente como Sisa ou Serrat, para acabar sendo manager de La Orquesta Platería nos anos 80 e renunciar á súa vocación relixiosa. Despois dirixiu a Sala Nitsa. Como amigo de Pepe Rubianes, atreveuse a escribir un libro-entrevista sobre o actor galaico-catalán. E contagiado polo seu colega, aos 50 anos decidiu que o que tocaba era ser artista. Era o ano 1997 e estrea o seu primeiro espectáculo, Epístolas. Logo virían Prensamiento, El Estado del Malestar e El Evangelio según Flavià. É un dos monologuistas con máis éxito na carteleira de Barcelona, superando os 30.000 espectadores. Mentres, colabora co equipo de Crónicas Marcianas, con Gemma Nierga de La Ventana (SER), con Manuel Fuentes e La Corriente Alterna (Tele 5).
Agora vén a Galicia por vez primeira para actuar man-a-man cun dos nosos monologuistas máis sólidos, Carlos Blanco, unha actuación única e quizais irrepetible. A non perder!
Carlos Blanco é un dos actores máis coñecidos e populares de Galiza, tanto pola súa intensa traxectoria teatral como pola súa participación en series de tv (a mítica Mareas Vivas, a máis recente Lobos) e longametraxes (O lápis do carpinteiro, de A. Reixa; O alquimista impaciente, de Patricia Ferreira; ou Volver, de Pedro Almodóvar, entre moitas outras). Foi ademais presentador de programas da TVG como Sitio Distinto e Luar. E antes de todo iso, xa traballara na Radio Galega durante dez anos.
-
(10:24h.)