![Citizen (primeira parte)](/scene/uploads/$eventos/imaxe/4ca3747fdc93e1.43670726.jpg?options=resize%2C800%2C%2Ccenter%2Cmiddle)
Citizen (primeira parte)
Unha creación Chévere. No escenario: Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés. Dirección: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Luces: Dr. Cabaleiro. Son: Xacobo Castro. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Vídeo: Oroboro Films. Arranxos sonoros: Xacobo Martínez Antelo. Chévere é compañía residente na Sala Nasa, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC-Xunta de Galicia) e a Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela.
Citizen é o novo proxecto de creación escénica de Chévere para a tempada 2010-2011. Trátase de poñer en práctica novos procesos de traballo e produción, combinando a aposta pola investigación teatral coa necesidade de obter uns resultados de cara ao público. O proxecto está estruturada en tres partes, en tres espectáculos autónomos que se irán estreando ao longo da tempada. Cada un deles será a continuación e consecuencia do anterior. E ao final, a suma dos tres suporá un novo espectáculo.
Citizen é unha boa disculpa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades individuais e colectivas.
Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia dun empresario norteamericano que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A nosa obra conta a historia dun suposto empresario galego que se convirte nunha das persoas máis ricas e poderosas do último terzo do século XX. Pero non empeza coa morte do protagonista, senón co seu nacemento.
Citizen Primeira Parte sitúanos nese momento iniciático que ten toda gran aventura. Cando é difícil separar a realidade dos soños. A verdade da invención. O teatro da vida. Franco acaba de morrer. Todo ten que mudar. Ela está exactamente onde ten que estar. El non ten posición. Ela é dun lugar do que ten que fuxir. El non sabe nin de onde vén, pero sabe exactamente a onde quere chegar.
-
(00:00h.)