#Chévere3.0 Annus Horríbilis
CHÉVERE 3.0 é un maratón escénico para celebrar o 30 aniversario da compañía Chévere en Compostela volvendo a montar 3 obras míticas da compañía en 3 espazos distintos da cidade durante 3 semanas do mes de xullo.
A finais de xuño de 1987 Chévere actuaba por primeira vez en público e o facía na Praza dos Bombeiros de Santiago de Compostela, detrás da Escola Mestre Mateo. Trinta anos despois daquela noite de verán a compañía segue funcionando e está vivindo un dos seus mellores momentos artísticos e profesionais. Premio da Crítica de Galicia 2011. Premio de Honra da MIT de Ridabavia 2012. Premios María Casares ao Mellor Espectáculo en 2012, 2014, 2017. E Premio Nacional de Teatro 2014, converténdose na primeira compañía galega en ter este recoñecemento, o máis importante das artes escénicas de ámbito estatal, que desde 1949 recibiron apenas 7 compañías (Els Joglars, La Fura dels Baus, Ur Teatro, Teatre Lliure, Animalario, Atalaya e La Zaranda).
Para celebrar este 30 aniversario, Chévere quere facelo agasallando ao público. Por iso vai ofrecer a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a 3 obras míticas do repertorio da compañía só durante o mes de xullo.
As dúas primeiras obras escollidas caeron polo seu propio peso: é moita a xente que segue falando de cando viu por primeira vez Rio Bravo e para Chévere foi unha escola de vida e oficio, ademais do primeiro gran éxito de público. Annus Horríbilis marcou un punto de madurez e excelencia para todo un grupo de artistas vencellados con Chévere, coa Nasa e con Compostela e permitiu abrir novos camiños profesionais e creativos. A terceira obra escollida é máis recente, a Ultranoite no País dos Ananos, que foi a única obra de Chévere que non se puido ver nesta cidade e serve de homenaxe a ese xénero propio que se inventou nun arrabaldo de Compostela e que todo o mundo coñece como Ultranoite.
As tres obras ofrecen unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.
ANNUS HORRÍBILIS
Auditorio de Galicia 12, 13, 14 xullo ás 21,00h.
Annus Horríbilis é unha ópera, unha pequena ópera portátil creada e estreada en 1994 no teatro máis underground da cidade, pero con vocación de chegar aos máis grandes auditorios. Annus percorreu España e Portugal en versión orixinal e permitiu traer a Santiago desde Barcelona varias edicións do Festival de Ópera de Peto, o máis pequeno do mundo. E en Barcelona Annus Horríbilis gañou o Premio da Crítica ao Mellor Musical da temporada 95-96, competindo coas grandes producións do Paralelo. Por iso o Auditorio de Galicia ten unha pequena débeda con esta opereta que canta a unha suposta familia real galega, ofrecéndolle as galas das grandes noites para a súa efémera volta aos escenarios.
Annus Horríbilis é unha pequena ópera portátil integramente cantada en galego. Unha picadora escénica que esmiuza os estereotipos do xénero lírico e reinventa unha fórmula de teatro musical dificilmente clasificable. As tribulacións da familia real británica son trasladadas a Galiza para escenificar intrigas cortesás, romances ilexítimos e loitas entre dúas antigas liñas dinásticas enfrontadas: os Tamara contra os Cunters. Cinco cantantes, un pianista e un presentador. Acaso unha ópera precisa algo máis?
En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Borja Fernéndez, César Goldi. Pianista: Suso Alonso. Presentador: Xron. Libreto: Pepe Sendón. Música: Fran Pérez. Dirección e dramaturxia: Chévere. Vestiario: Chévere/Maribel Gómez. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Comunicación: Xana García. Unha produción Chévere co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Chévere é compañía residente no concello de Teo.
-
(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela.(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela. -
(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela.(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela. -
(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela.(21:00h.)
Auditorio de GaliciaAvda. Burgo das Nacións s/n. 15705 Santiago de Compostela. -
(22:00h.)
Novo Ciclo Teatro Acert (Tondela, Portugal)Associação Cultural e Recreativa de Tondela APARTADO 118 3460-909 TONDELA(22:00h.)
Novo Ciclo Teatro Acert (Tondela, Portugal)Associação Cultural e Recreativa de Tondela APARTADO 118 3460-909 TONDELA -
(23:00h.)
Auditorio do Castelo MIT RibadaviaPraza Maior, 32400 Ribadavia(23:00h.)
Auditorio do Castelo MIT RibadaviaPraza Maior, 32400 Ribadavia