Ultranoiteo sesión vermú+xantar degustación
En xuño volve a Ultranoite ao auditorio da Ramallosa en Teo. Volve para facer escarnio da actualidade. E como estamos ás portas do verán, imos experimentar un novo formato: a Ultranoite en sesión vermú e con xantar incluído o domingo, a ver que vos parece a idea.
Os temas
Nestes días o tema estrela segue sendo a economía, os recortes, a crise. Sobre todo a nacionalización de Bankia, a estampida de presidentes de bancos, o rescate de España e a banca española pola Unión Europea. E falando de Europa, menos mal que nos queda Eurovisión, con esas mulleres rusas poñendo un pouco de color. Por aquí por Galicia, e despois de fulminar a Conde Roa coa mirada, Feijóo quere todo o protagonismo para él: un día vaise coa petroleira mexicana Pemex para unhas fotos, outro día monta un late night show en Intereconomía rodeado de 12 mulleres "sen piedad". No mundo cultural todo volve ao seu sitio: Guede no CDG, a CdC no Gaiás e a RAG sen un peso. E no medio de todo este fregado, empeza a Eurocopa de seleccións para apaciguar ás masas.
O equipo
De todo isto tratará a Ultranoite, onde tamén haberá unha lembraza para algunhas voces que deixaron de soar como Donna Summer ou Robin Gibb. Farémolo co equipo habitual e con algúns reforzos, de momento xa está confirmada a participación de Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Arantza Villar, Marcos Ptt Carballido, Pablo Reboleiro, Carlos Meixide, Tomás Lijó. E contaremos co acompañamento musical da Ultrabanda: Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. Artista convidado: Carlos Blanco. Os vídeos son cousa de Cuco Pino. A técnica pasa polas mans de Fidel Vázquez. A billeteira é responsabilidade de Inés. E o servizo de bar de Javier e a xente da Santa Sede.
A sesión vermú do domingo: Ultranoite+xantar na cova do Santiso
Para prolongar a Ultranoite e ofrecer unha opción distinta a un público distinto, preguntáronnos por que non faciamos unha ultranoite o domingo antes do xantar, como as míticas sesións vermú da pachanga. Dito e feito. Imos probar e experimentar.
Propoñemos unha Ultranoite o domingo antes do xantar, máis lixeira e relaxada (tamén máis curta) para abrir o apetito dos espectadores. Esta Ultranoite será no mesmo auditorio da Ramallosa, claro. E ao rematar a Ultranoite e o vermú, marcharemos desde a Ramallosa ata Luou, apenas 3 km., para xantar no Fogar de Santiso, un lugar enxebre e mítico que quere ser cómplice desta Ultranoite. No Santiso imos descubrir o seu segredo mellor gardado, un novo espazo gastro-cultural: a Cova do Santiso, un comedor excavado na rocha reservado ese día para o público da Ultranoite.
Xose e a xente do Santiso ofrécennos un menú-degustación baseado na cociña da terra, os produtos ecolóxicos da súa horta e o coidado das súas mans. Na sobremesa tamén se ofrecen a ensinarnos as súas hortas e o resto de instalacións. E para nós é unha oportunidade de xerar novas sinerxias no concello de Teo e abrir horizontes á experiencia teatral.
Enlace O Fogar do Santiso: http://www.fogardosantiso.es/
Enlace vídeo Cova do Santiso: http://vimeo.com/42146223
O prezo da Ultranoite sesión vermú no auditorio da Ramallosa+xantar na Cova do Santiso é de 26€ (20€ polo menú-degustación e 6€ polo espectáculo). As entradas só se poden mercar por adiantado en redenasa.tv
Prazas limitadas.
O xantar está previsto para as 15:00h.
-
(13:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(13:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.