Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Amores Prohibidos 2.0

Como sería Romeo e Xulieta se os protagonistas fosen uns rapaces que viven en Boiro no 2012? Poderían vivir o seu amor co conflito lingüístico de fondo? É posible facer unha obra de teatro sen escenario, usando soamente a web e as redes sociais? Amores Prohibidos 2.0 tentou responder estas preguntas e poñer en escena un clásico actualizado ao soporte dixital. Aquí podes ver o que aconteceu na vida de Romero e Xiana do 23 ao 27 de abril, seguir as conversas e as interaccións cos personaxes. Saber máis

Xespir

Xespir

O dramaturgo e demiurgo de todo isto. As obras de Xespir convertérono nun autor universal e inmortal, e dende esa universalidade e inmortalidade acompáñanos nesta obra para irnos comentando o que pasa e espiar os personaxes ao longo das redes sociais. 

 

 

En escena

  • Xespir:

    Non. Rematou. Unha mágoa, pero todo ten a súa fin. Como autor podería fachendear de que a historia que se viviu estes días na Cachada é unha gran historia, e atribuírme todo o mérito. Pero declino esa honra en favor de todos os alumnos, alumnas, profesoras e profesores que participaron na realización da mesma. Con mención especial aos que encarnaron a Xiana, Romero, Baldo, Mejuto, Ana e Rossi. 

    Romeo e Xulieta, a verdade, non me quedou mal. Pero xa era hora de darlle un repasiño. Amores Prohibidos é o glorioso resultado. Cando menos máis comprensible porque ás veces, debo confesalo, váiseme un pouco a man co estilo.

    Ata sempre.

    Xespir

  • Xespir:

    ...ou é o comezo doutra? 

  • Xespir:

    Parece que esta historia chega á súa fin...

  • Xespir:

    Tras o temporal destes días, esta tarde en Boiro loce un sol radiante. No IES A Cachada estase a celebrar o Consello Escolar no que se revisará a expulsión de Romero. Malia a presión social exercida na vila e nas redes sociais, aínda nada está claro. Hai moita tensión e nervios nos arredores do instituto, e a rapazada xa se está achegando para coñecer o veredito final. Que pasará? 

  • Xespir:

    Bo día a todo o mundo. Todo apunta a que hoxe haberá resolución. Veremos como se desenlea toda esta madeixa que ata onte estaba ben enmarañada. Será Romero readmitido? Asistiremos á conversión de Rossi e de Mejuto? Como está Xiana? Agardamos espectantes a que estes Amores Prohibidos sexan, por fin, legalizados.

  • Xespir:

    Ei, os de Redenasa están tirando a casa pola ventá. Convidan a cervexa a quen se achegue nos próximos minutos aos bares polos que están pasando Ana e Xiana. Apurade! 

  • Xespir:

    Alleas á toda a que está montada en Boiro, e despois das primeiras cervexas parece que as penas de Xiana son menos, grazas á compaña de Ana e á noite compostelá. Se andades por aí esta noite e as atopades, por favor dicídelle a Xiana que a están esperando en Boiro. Se Ana segue tuiteando alegremente como ata agora sobre a súa situación, non o teredes moi difícil. Creo que a esta hora aínda están no 13... 

  • Xespir:

    Estou especialmente emocionado. Chegounos agora unha mensaxe en vídeo, procedente dun lugar moi próximo á miña casa. Teño morriña, teño saudade. Grathanks, amigas.

    Xa me encargo de que Mejuto, Rossi e Xiana tomen boa nota dos vosos consellos. 

  • Xespir:

    Acabo de acordarme de que teño unha vella amiga que é profesora de inglés no Peleteiro. Vouna chamar a ver se sabe algo de Romero.

  • Xespir:

    A esta hora, os rapaces da Cachada están en clase, e Romero acaba de ingresar nun coñecido internado compostelán. Cal? Revélanolo Cachadaleaks