Falouse moito do proxecto de continuidade da actividade no local de San Lourenzo, e da iniciativa dun grupo de traballadores da Nasa de formar unha cooperativa. Para o sábado 25 decidiuse convocar unha nova xuntanza para poñer en marcha unha plataforma cívica de intervención cultural.
Aquí van as notas tomadas a pé de asamblea coas intervecnións dos asistentes:
Comeza a asemblea ás 12:00h. con presencia dunhas 50 persoas (que irían aumentando ao longo da mañá) e cunhas palabras de Xron, que aproveita para presentar aos membros da Xunta Directiva da Red de Teatros Alternativos que se trasladaron desde distintos puntos de España para participar na asamblea e para manifestar o seu apoio e recoñecimento ao proxecto Nasa.
- Faise un resumo do falado na xornada anterior, infórmase sobre os prazos previstos polo equipo de xestión actual para cesar na súa actividade, sobre o procedemento para presentar a querela colectiva e tamén sobre a chamada recibida desde o PP local para ter unha reunión.
- Dáselle paso aos representantes do grupo de traballadores que queren continuar a actividade cultural no local de San Lourenzo. En primeiro lugar intervén Novo para pedir o apoio das persoas asistentes á asemblea. Manifesta que non queren espazos abertos e públicos, que apostan polo espazo de San Lourenzo, que seguirán co espírito da Nasa e expresa a gravedade da situación para 11 ou 12 traballadores que perden o seu posto de traballo.
- A continuación Ángel informa de que esta semana tomaron a decisión en firme de formar unha cooperativa de traballo asociado, na que están todos os traballadores da Nasa, que teñen moito camiño por diante, que xa falaron co dono do local e que vai seguir co contrato. Manterán o mesmo espírito da Nasa pero facendo uns axustes na programación. Alguén pide que especifique un pouco o proxecto. Ángel contesta que non poden polo momento, que é demasiado pronto, que nin sequera saben con exactitude canto lles van cobrar de aluguer, aínda que pretenden conseguir o contrato do local por 8 ou 10 anos. Pero di que van seguir coa programación de outubro e que están á espera de ter o proxecto de viabilidade económica. Alguén pregunta como van facer con Conde Roa. Ángel contesta que non cren que vaia por eles, que non teñen nada que ver, que realmente ten unha obcecación con Xesús, que co cambio de marca se relaxará a situación. Informa de que van facer as obras de aillamento acústico para ter todo en regra e que non ten por que haber máis problemas. Alguén pregunta que axustes farán de programación. Contestan que será un espazo de autoxestión, por tanto ten que dar beneficios para cubrir os salarios. E que a música estará máis presente ca agora. Alguén pregunta se entón se vai converter nunha sala de concertos. Contestan que non, que tamén haberá danza e teatro.
- Alberto, presidente da Red de Teatros Alternativos, aporta información sobre o funcionamento das cooperativas, xa que é a fórmula que usan no seu teatro de Madrid. Cre que se podería xestionar a comunidade a través dos colaboradores da cooperativa. Novo di que xa están informados, que contan cun asesor especializado en cooperativas.
- Alguén comenta que estaría disposta a dar un paso para precarizarse (aínda máis) no seu traballo como artista para apoiar o proxecto, sempre que sexa para avanzar, non para resistir.
- Xron aclara que a marca Nasa/Redenasa seguirá funcionando para os proxectos da plataforma web, xa que é a súa denominación legal e administrativa e que Chévere trasladará boa parte do material técnico e loxístico a un novo local de traballo.
- Alguén manifesta que o carácter e o espírito dun espazo non depende do edificio senón das persoas que están detrás xestionando. Pregunta se Nasa/Chévere seguirá na xestión cultural noutro lugar. Aclárase que non, que se tratará de dar continuidade a Redenasa.tv como espazo de difusión artística e cultural e como lugar de encontro dunha comunidade cultural e que, cando se dispoña dun espazo de traballo propio, quizais se poida continuar alí con algun tipo de residencias, prácticas de creación, ensaios abertos, etc. Alguén pregunta se hai algún proxecto concreto nese sentido.
- Alguén di que a Nasa xa quedou pequena para absorber tanta programación. Moitos dos presentes, artistas, saben desta complicación para poder actuar na Nasa por falta de calendario. Retómase o tema da plataforma cívica para esixir o mellor aproveitamento dos espazos públicos.
- Alguén comenta a posibilidade do mecenazgo como fonte de financiamento. Facer unha acción grande. Conseguir a 8.000 persoas que poñan 50€, con 300.000 ou 400.000€ podemos facernos cun espazo propio, un espazo de creación contemporánea. Porque está claro que moitas compañías e creadores en Galicia necesitan espazos para traballar.
- Os traballadores da Nasa retoman a palabra. Din que Chévere chegou ata aquí con este espazo e agora eles comezan outra historia, que están dispostos a todo. Que intentarán aproveitar o espazo ao máximo facendo cursos, usando o espazo para ensaios, programando teatro infantil, que procurarán non pechar nin dous días na semana.
- Alguén comenta que é fundamental o plan de viabilidade do proxecto para poder seguir falando do proxecto dos traballadores. Sen iso diante é mellor non especular todos sobre o que pode ser ou non o seu proxecto.
- Alguén comenta que está colgada unha carta dirixida ao novo alcalde de Santiago en tea-tron.com, unha carta modelo de apoio e reivindicación do espazo-Nasa, que pode ser asinada por quen queira.
- Alguén agradece a ambas partes todo o traballo feito. E apuntan que unha posible saída económica do local pode ser como negocio de hosteleria.
- Alguén comenta a gravidade da situación actual das artes escénicas. O peche da Nasa é xa a pinga que colma o vaso, que este feito sexa o que catalice unha protesta global.
- Miguel, xerente da Red de Teatros Alterntivos, fai unha definición da Nasa/Chévere como un referente estatal, un proxecto artístico de importancia e calado. Fala da gravidade do feito de que un espazo con eses resultados artísticos e culturais plantexe o peche. Felicita tamén aos traballadores da Nas polo valor que teñen, pero tamén lles di que dispoñer dun proxecto artístico é fundamental, que entende que a asemblea é o que lles está demandando e que de momento non o teñen.
- Alberto da RTA cre que este é un momento histórico a nível estatal. Que para a Red de Teatros Alternativos a pata Nasa-Chévere é moi importante. E fala tamén de que hai que ter presente que neste tipo de espazos a dependencia das subvencións é unha feito e unha necesidade para defender certo tipo de programacións.
- Alguén fala da conveniencia de concretar a organización da plataforma, por un lado pode estar unha plataforma global cidadá (tipo Nunca máis), pero tamén interesaría unha plataforma artística (tipo Burla Negra). Fálase de usar as ferramentas de internet para o traballo en grupo. Alguén fai as seguintes preguntas: "Estamos ben?, gústanos como estamos?, queremos cambiar? e que queremos cambiar?"
- Fálase da operatividade. Fagamos a plataforma xa. Proponse que o próximo sábado tratemos de responder ás preguntas que se acaban de formular e tratar de definir quen somos. Pódese pensar en trasladar a asemblea dentro de 15 días ao Teatro Principal. Fálase de poñer un nome: Espazo Cultura Galega, Cultura Cívica Galega, Cultura Real Xa, Cultura Combate, Teatro Nacional Galego, Acción Cidadá pola Cultura…
- Pasadas as 14h. remata a asemblea, convocando a seguinte para o sábado 25. De 11h. a 12h. elaborarase unha orde do día e ás 12h. comezará a asamblea.