Rede Nasa

Combina los criterios de búsqueda para encontrar el material que estás buscando


Os recortes en teatro son un roubo

Por que relacionamos crise e recortes se non teñen necesariamente nada que ver? De que crise falamos cando falamos de recortes? É a crise ou son os recortes os que definen a época que nos tocou vivir? Ou hai vida detrás dos recortes? Vida teatral máis alá da crise? Cada vez temos máis preguntas sen resposta. Ou cada vez máis temos unha única resposta, unha única excusa, un só argumento, unha gran alfombra para agochar os auténticos problemas. A crise. Os recortes.

 

Nós non provocamos esta crise, nin os teatreiros nin os espectadores de teatro, non é a nosa responsabilidade. Somos vítimas inocentes da ambición doutros. O teatro e a cultura ocupan case sempre o último lugar no gasto público de calquera concello, de calquera comunidade autónoma, de calquera governo. A cultura sempre foi un sector economicamente xeneroso cos demais, unha máquina de produción de externalidades que benefician a outros sectores que só recoñecen esa débeda de maneira indirecta. Isto significa que boa parte dos beneficios que xera a cultura son capitalizados noutros puntos das economías urbanas. A produción de valor é capturada fóra dos límites dos axentes culturais. E aínda así a cultura é un sector de futuro. O gasto en cultura non é o problema. É unha das solucións.

 

Pero curisosamente o maior problema económico do teatro non son sequera os recortes, é a morosidade. As administracións públicas non están pagando os servizos culturais que contrataron. Non están cumprindo a súa parte do contrato. Romperon as regras de xogo. Nós, os teatreiros, cumprimos. As nosas contas son transparentes, estamos sendo auditados permanentemente. O sistema de subvencións obríganos ademais a asumir con recursos propios entre o 30% e o 70% do custe de cada proxecto subvencionado. Temos que adiantar todo o diñeiro necesario para unha produción ou para unha actuación e antes de nos pagar a administración comproba documentalmente que temos todos os pagamentos realizados. Só entón é cando abona a súa parte. Pero agora non o está facendo. Ou faino con seis, oito e ata quince meses de retraso. Isto é especialmente inxusto porque as compañías e as produtoras, que conforman na súa maioría un tecido compacto de emprendedores e pequenas empresas, son as que están mantendo o sistema público de teatro en España. Son as que crean emprego e producen diversidade cultural. Aparentemente as administracións públicas dedicaron os seus esforzos a adquirir a maior parte dos espazos escénicos para garantir o acceso público á cultura, ao teatro. Pero curiosamente o investimento en construción, rehabilitación e adaptación de espazos mantívose estable ao longo de 30 anos e supón dez veces máis diñeiro que o dedicado a xerar contidos para eses contedores. Porque aí estaba o negocio. No ladrillo. Ademais, o estado controla as redes de distribución teatral, de maneira que os concellos, as comunidades autónomas e o governo central controlan absolutamente o teatro que se pode ver e, por suposto, o retorno económico que xera na billeteira a explotación dos espectáculos. Nalgúns concellos poden mesmo contratar espectáculos que non pagan e que lles reportan uns ingresos inmediatos para a esfameada tesourería local. Unha maneira de o teatro financiar as arcas municipais a interese cero.

 

Fóra das grandes unidades de produción públicas, o sector do teatro nunca traballou por riba das súas posibilidades porque sempre viviu pegado á realidade. Tan pegado que chegou a desenvolver a capacidade de adaptarse a todo tipo de circunstancias adversas. Noutros sectores a isto chámanlle precariedade. Nós chamámoslle resistencia. Recortar é o noso pan de cada día. Mesmo recortamos o texto porque é o único que nos sobra. Somos especialistas en recortes, en meter tixeira, chapodar. De facelo ben depende a nosa subsistencia. Por iso sabemos que os recortes non son o problema. O problema é a irresponsabilidade de quen fai os recortes. A falta de visión e previsión. A ineficacia. A pasividade. A ausencia de planificación. De alternativas. De plans complementarios de acompañamento das medidas. Se o argumento para recortar en cultura é a necesidade de reducir o gasto público, non fai falta ser un experto en economía para afirmar que o déficit español non se vai controlar con recortes en teatro. Unha consellería de cultura ten un orzamento 10, 15 ou 20 veces menor ca unha consellería de fomento, pero os recortes son 10 veces maiores. Un proxecto como a Cidade da Cultura de Galicia consumiu por si mesmo máis diñeiro público que todo o destinado ao teatro, á música e ao audiovisual desde que existe a Comunidade Autónoma de Galicia. Un único concurso publicitario para promocionar unha acción guvernamental pode equivaler á suma de todas as subvencións concedidas a empresas teatrais durante un ano. O que se consegue con recortes de ata o 70% nas axudas públicas ao teatro é empobrecer a oferta cultural e dificultar o acceso á cultura da cidadanía, destruír gran número de empregos, abocar ao peche a moitas micro empresas e poñerllo un pouco máis difícil ás persoas e ás familias que viven disto, non só actores e actrices, por suposto. As políticas de austeridade impostas son a mellor maneira de ocultar unha mala xestión ou a incapacidade de xestionar con solvencia e profesionalidade o diñeiro público.

 

Por outro lado, a crise e as políticas de recorte do gasto público teñen dous efectos inmediatos e preocupantes sobre o teatro: a concentración da produción escénica en poucas mans e a estandarización da oferta. Os primeiros en caer son os máis débiles, os máis pequenos, os máis arriscados. As marxes son as que se estreitan e a centralidade é a que se agranda. A resposta das unidades de produción públicas e das grandes empresas produtoras é facer producións cada vez máis rápidas, asequibles e estandarizadas á procura dun público masivo e pasivo. A necesidade de incrementar a rendibilidade das producións na billeteira implica que o teatro que imos poder ver será aquel que ofreza maiores garantías de éxito a priori. O que dea as respostas máis eficaces desde o punto de vista económico fronte á recesión actual. O que poida incrementar a demanda e os ingresos, non aquel que pretenda mellorar a oferta e optimizar os recursos.

 

Pero iso é só unha fachada porque onde se está xogando o futuro é nas marxes, nas máis fráxiles creacións, nas máis pequenas compañías, nas máis modestas producións. O teatro do futuro irremediablemente está aí, nos creadores comprometidos coa innovación e o risco, nas salas alternativas, nos espazos menos convencionais, nos barrios, nos pobos e nas aldeas onde parece que non pasa nada e non nas grandes avenidas das grandes cidades onde parece que se coce todo. A crise prolonga as inercias do pasado, permítelle ás dinámicas do pasado invadir un presente incerto, pero non por iso deixan de ser ruinas. A maioría de nós vivimos entre esas espectaculares ruinas do sistema. O teatro debe ofrecernos a posibilidade de imaxinar outras paisaxes. Un teatro que terá outra arquitectura, que habitará espazos distintos sen perder a natureza que lle permitiu chegar ata aquí.

Xron

Artigo publicado na Revista Pueblos nº 51 (2º trimestre 2012)