Rede Nasa

Combina los criterios de búsqueda para encontrar el material que estás buscando


Ideas para un debate sobre as políticas culturais en Compostela

Estas foron algunhas das ideas que lanzamos no foro convocado pola Voz de Galicia para debater sobre as políticas culturais na cidade de Santiago de Compostela.

Comezamos sinalando algúns dos elementos diferenciadores da cidade de Santiago: un carácter cosmopolita ligado ao mantemento da identidade propia desde onde establecer o diálogo con calquera outra cultura, a existencia dunha masa crítica (públicos formados) e a existencia dunha clase creativa moi dinámica e plural.

Consideramos que hai que chegar a uns acordos básicos para establecer calquera política cultural na cidade: a promoción incondicional da cultura propia e da lingua galega, o apoio aos creadores locais e a democratización radical das institucións culturais baseada na profesionalización, na transparencia e na participación cidadán.

Se falamos de que a cultura é un sector estratéxico para a cidade, debe ter a consideración de dereito e unha dotación económica digna. Isto pasa por incrementar os orzamentos en cultura e abandonar o discurso e a lóxica da precariedade.

Sinalamos dúas carencias importantes: a ausencia de novos proxectos culturais de referencia na cidade que teñan unha estabilidade, unha base social e unha proxección exterior. E a escasez de proxectos de innovación cultural.

Propuxemos unha idea para o redeseño das políticas culturais da cidade, aproveitando o potencial dunha cidade pequena e cunha forte dinámica cultural como Compostela para transformala nun laboratorio de innovación cultural. Por un lado, trataríase de eliminar a concellaría de cultura como departamento centralizado na programación e xestión cultural, creando oficinas de cultura transversais en todas as demais concellarías. Desta maneira a cultura sería un servizo asociado a todas as áreas de actividade, con fin de permeabilizar a actividade dos creadores locais e facer que a cultura sexa unha canle de transmisión de valores utiles para o desenvolvemento de áreas como a educación (por exemplo asociando creadores aos centros de ensino e ás bibliotecas), a sanidade, a promoción económica, o comercio, patrimonio, deportes, participación veciñal ou turismo.

Por outro lado, as infraestruturas culturais e as unidades de produción municipais deberían dotarse dun réxime xurídico propio que lles permitise unha maior autonomía de funcionamento, un proxecto artístico específico (especialización en función de contidos e obxectivos) e un cadro de persoal cualificado. E por último, poñeríanse a funcionar mecanismos efectivos de participación cidadán na xestión destas infraestruturas, por exemplo a través da recuperación do Consello Municipal de Cultura e da creación de padroados ou asociacións de espectadores e usuarios.

O tema da Ciade da Cultura foi central cando se abriu a discusión entre as persoas participantes no foro. Pola nosa parte, a idea está clara con respecto á CdC: entregar a súa xestión á cidadanía e convertila nun laboratorio de innovación social e cultural de referencia internacional, facendo da transparencia, a horizontalidade e a participación os eixos clave do seu funcionamento.