Rede Nasa

Combina los criterios de búsqueda para encontrar el material que estás buscando


Concurso de ideas para seleccionar unha proposta de espazo escénico de Eurozoone, a nova obra de Chévere

Chévere, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, convoca un concurso público de ideas para deseñar e executar o espazo escénico da nova produción da compañía, titulada Eurozoone, que será estreada o 31 de xaneiro de 2013. Eurozoone quere ser un thriller político sobre a fin da idea de Europa ambientado na profunda crise económica e financeira actual. Un achegamento a este gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Políticos e banqueiros en lugar de gángters, arquitectura-espectáculo en lugar de almacéns, o estado do benestar europeo en lugar de xoias. E a capacidade de Chévere para sair airoso de tal pastiche.


As relacións entre teatro e arquitectura adoitan limitarse aos edificios que acollen as representacións escénicas. Pero en realidade teatro e arquitectura son disciplinas que comparten problemas conceptuais semellantes e ambas teñen como misión crear un espazo. A colaboración entre profesionais do teatro e da arquitectura tampouco é frecuente, e menos en Galicia. Un tempo de crise económica, recortes en cultura e parálise da actividade construtora como o que estamos vivindo pode ser unha boa oportunidade para abrir un proceso de diálogo entre linguaxes e provocar sinerxias entre profesionais co fin de actuar xuntos e reforzar a actividade creadora.

Como expresión do seu compromiso con este obxectivo, o grupo de teatro Chévere propón que o espazo escénico do novo espectáculo da compañía sexa o resultado dun traballo feito en colaboración entre profesionais do teatro e da arquitectura. Por esta razón solicita a participación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ao obxecto de convocar este concurso de ideas para o deseño do espazo escénico da obra Eurozoone, segundo as características e premisas que se especifican nestas bases.

O concurso vai dirixido a arquitectos e estudiantes de arquitectura que poderán integrarse nos equipos nas condicións establecidas nas bases.

Consulta as bases e condicións no web do COAG: http://www.coag.es/profesion/concursos/chevere/