O sábado celebrouse na Nasa a primeira asamblea aberta para discutir
os problemas da sala e as perspectivas de futuro. O sábado 18 ás 11,30h. continuaremos. A esta primeira xutanza asistiron máis de 100 persoas e durante tres horas falouse sen pausa do que significa este espazo para Compostela, dos problemas que atravesa, do seu peche inminente, das acusacións verquidas polo novo alcalde e da necesidade dunha resposta cidadán, do futuro inmediato e do futuro a medio prazo, do modelo de cultura que queremos, do novo papel que debe asumir o público na xestión cultural e de moitas outras cousas.
Se queredes saber maís polo miudo de que se falou, aquí vos deixamos algunhas notas tomadas a pé de asamblea. Engadide o que consideredes oportuno, seguramente esquecimos algunha cousa.
De entrada Xron informou da situación do local, da economía e das relacións coas distintas administracións públicas. O problema do local é que hai que facer de novo un forte investimento (aillamento e tratamento acústico, reparación de cubertas e paredes por filtracións de augas…), cifrado en 60.000 €, que a única maneira de amortizalo sería mercando o local e que a propiedade rexeitou a oferta que se lle fixo en maio de 2010, sen deixar ningunha opción de compra. O problema da economía é que os gastos fixos da Nasa (salarios, alugueres, subministros) ascenden a 13.000 € mensuais e o déficit xerado só no primeiro trimestre de 2011 superou os 20.000 €. O problema coas administracións públicas son os recortes: as axudas a salas privadas da Xunta de Galicia reducíronse nun 65% en tres anos e agora o Concello de Santiago anuncia a retirada de todas as axudas públicas á Nasa, un feito que é determinante. Porque con estes datos, para a tempada 2011-2012 contariamos cuns 85.000 € menos que na tempada 2008-22009, é dicir, unha redución das axudas públicas do 72%. Mentres, os ingresos propios reducíronse en tres anos só un 5%, pero os gastos fixos aumentaron un 15%. Con todo isto, e practicamente sen axudas públicas, a previsión de déficit para a tempada 2011-2012 sería de 80-90.000 €, unha cifra que non é asumible pola empresa xestora, por iso non se pode planificar a tempada que vén e por iso plantéxase o peche.
Ademais, comentouse tamén que, despois de vinte anos, a comandancia acumula un desgaste persoal moi grande, que se veu incrementado pola presión exercida desde o PP de Santiago coas súas infundadas denuncias de colaboración co terrorismo e demais, ata o punto de facer desistir ao actual equipo xestor de manterse na primeira liña da accion cultural local no novo contorno político xurdido das eleccións municipais.
A partir de aquí abriuse o turno de preguntas e intervencións das persoas asistentes:
- Preguntouse que significaba estar en segunda liña da acción cultural.
- Preguntouse se se trataba fundamentalmente dun problema económico.
- Informouse da iniciativa dos traballadores da Nasa para formar unha
cooperativa de traballo asociado e dar continuídade ás actividades no
actual espazo de San Lourenzo.
- Preguntouse se había intención de denunciar a Conde Roa para defenderse das acusacións recibidas.
- Propúxose a vía de financiamento privado (patrocinios) como unha saída á crise económica.
- Falouse da resposta que debería ter a sociedade civil ao respecto do peche da Sala.
- Unha persoa falou de conformar unha plataforma cívica para defender políticas culturais e medio-ambientais. Tamén indicou que se valorase a opción da banca ética para o financiamento.
- Comentouse a necesidade de dispoñer dun local en propiedade, non en aluguer. Alguén máis tamén apuntou que non se debería facer ningún investimento cun contrato dun ano.
- Xron aclarou as opcións mixtas (públicas e privadas) que se falaron co grupo de governo saínte: a opción de cesión dun solar público para que se construíse un novo centro cultural privado, financiado integramente pola entidade receptora do chan e que foi inviable economicamente; e a opción dunha xestión mixta nun centro socio-cultural da cidade, viable no caso do CSC Santa Marta.
- Alguén berra: “Vide para Teo".
- Apuntouse que a solución está nas mans dos tripulantes, que era unha
cuestión de todos conseguir aumentar o número de tripulantes, que entre
todos teríamos que ter conseguido máis apoios e que agora é máis
necesario ca nunca aumentar a tripulación.
(Na actualidade o ingreso por cotas da tripulación é duns 8.000€ anuais)
- Comentouse que "dous non pelexan se un non quere", e que habería que evitar o enfrontamento con Conde Roa porque iso é que el busca.
- Neste momento propúxose facer unha denuncia colectiva a Conde Roa por inxurias e calumnias, aportando ademáis 5€ por persoa para pagar o avogado. A proposta é acollida con aplausos e apoiada por máis voces que falan da necesidade de defenderse dos ataques dunha vez por todas.
- Fálase de dimensionar e de visibilizar ben a comunidade que conforma a Nasa porque é moito máis grande do que algúns cren.
- Fálase de que á parte da liña da querela, debemos centrarnos na solución dos problemas económicos.
- Proponse que nos desfagamos do espazo de San Lourenzo e que fagamos programacións noutros espazos (p.e. as Ultranoites) para eliminar os gastos fixos. Pregúntase se a tripulación entraría tamén nesa cooperativa de traballadores.
- Outra persoa quere expresar o moito que perde como espectadora e artista se pecha a Nasa. Fala de que os apoios non só serán dos tripulantes, que hai moita xente próxima e solidaria por todo o Estado e mesmo en Europa.
- En varios momentos as intervencións tratan sobre a importancia de manter un espazo físico propio ou non.
- Proponse facer un macrofestival no que participe todo o mundo que tivo relacion coa sala para visibilizar á amplitude e pluralidade da comunidade Nasa. Tamén se propón adoptar os xestos das asambleas do 15m para gañar en dinamismo e operatividade nas intervencións.
- Proponse centrar o debate no feito de que a Nasa vai pechar, e como dar saída a todo os proxectos que se estaban xerando, se haberá que currar estando dispostas a non cobrar ou se hai outras formas de relación. Propónse facer programacións por comisións, p.e.
- Algunhas persoas propoñen que entre todos paguemos o aluguer para chegar a decembro e manter a programación prevista.
- Xron di que non se trata só de pagar o aluguer durante uns meses, senón de cómo xestionar unha sala durante este tempo.
- Un dos traballadores da Nasa di que lle parece que hai xente que está dando todo por rematado cando aínda está aí a idea da cooperativa, e que como se pode pensar en facer todo o traballo de manter unha sala sen contar con profesionais, que é un traballo bestial. E que ademais pechar sería unha derrota.
-Varias persoas contestan que isto en ningún caso é unha derrota, que o traballo feito durante vinte anos está aí. Outras persoas manifestan que xusto neste momento si que podería ser interpretado como unha derrota fronte aos que atacan á cultura galega sistematicamente.
- Pregúntase cando se ten previsto abandonar o local? Tamén se se ten mirado outro local?
- Xron contesta que se miraron varios locais, fala concretamente dunha nave na zona de Sta. Isabel, pero a empresa non ten posibilidades de financiar unha operación deste tipo cos prezos que hai e as dificultades de crédito. Di que unha vez rematada a tempada actual a mediados de xullo, cesará a actividade da sala. E se non houbese unha solución, a empresa que xestiona actualmente a Nasa podería abandoar o local ao rematar o mes de setembro.
- Unha persoa fala do lado positivo desta situación, porque todo isto propiciou que a comunidade Nasa se xunte e que se exprese colectivamente por vez primeira. Di que a comunidade xa está creada, e que sae reforzada desta crise. Pensa que as cuestións materiais son importantes e que igual debemos pensar na Nasa como un proxecto exportable.
- Fálase da precariedade creada polas subvencións no sector cultural, e da necesidade de organizarse e unirse da xente do teatro, da danza, do circo, da música….
- Alguén propón facer confluír tódalas axudas que reciban distintas empresas e colectivos nun só espazo, que pode ser a Nasa.
- Fálase de facer unha festa final.
- Fálase de saír das trincheiras culturais, de dar a batalla en campo aberto, de participar na xestión e na programación dos espazos públicos. De que hai que modificar as relacións entre os axentes culturais, de que unha crise como esta é o momento de facer cambiar os modelos.
- Alguén di que os espazos públicos levan aí toda a vida e que se ata o momento ninguén os usou nin ocupou que non cre que se vaia facer agora tampouco.
- Contéstase que os espazos públicos non levan aí toda a vida, que a paisaxe cultural cambiou totalmente nos últimos vinte anos, que mesmo a Nasa cando abriu presentouse como unha alternativa ao proceso de institucionalización da cultura promovida polo Psoe, e que agora a Cidade da Cultura pode ser tamén unha oportunidade para inventarse novos usos dos espazos públicos.
- Proponse esixir na Cidade da Cultura un espazo para os veciños de Compostela, xestionado por eles mesmos.
- Algunhas intervencións apoian a ocupación dos espazos que nos pertencen a todos, alguén di que xa abonda de pagar alugueres elevados aos propietarios de locais, que seguramente serán votantes do PP, porque xa estamos pagando abondo polos espazos públicos.
- Proponse organizar unha paltaforma cívica para reinvidicar o uso dos espazos públicos de Compostela antes da constitución do novo governo local.
- Fálase da importancia de que esa plataforma estea liderada por alguén, que doutro xeito non funcionará.
- Proponse que cada quen se comprometa a chamar a tódalas compañías de teatro, ás escolas de teatro, aos grupos de música, e á xente que coñeza para que se sumen a esta iniciativa.
- Alguén apunta que unha boa cousa era facer unha fundación cun padroado integrado por compañías e demais axentes culturais.
- Proponse que nos constituamos como asamblea permanente.
- Proponse que os membros desta asamblea estudien a posibilidade de asinar colectivamente unha querela por inxurias e calumnias contra Conde Roa, xa que entendemos que as ofensas nos afectan a todas as persoas usuarias da Nasa e non só aos seus responsables.
- Proponse que a partir de agora o contacto e a información se canalice a través do blog http://nasasantiago.blogspot.com/ mentres intentamos crear outras plataformas de contacto en redenasa.tv ou en facebook.
- Acórdase dar continuidade á asamblea o sábado 18 de xuño ás 11,30h., facendo unha convocatoria expansiva.