Rede Nasa
Ultranoite no Pais dos Ananos
Este ano cúmprense dúas décadas dende a celebración da primeira ultranoite; vinte anos ininterrompidos durante os que Chévere subiu aos escenarios para escribir a crónica de Galicia a través deste cabaré irreverente e perralleiro. Hoxe, en abril de 2014, Chévere quérelle render homenaxe a este xénero que xa asume como propio e ao que tanto lle debe a través da Ultranoite no País dos Ananos, un cabaré nihilista que bebe da obra de Celso Emilio e da de Jonathan Swift para facer un percorrido satírico por este paseo marítimo que chamamos Galicia. Para saber máis, entra...
O blog do País dos ananos
-
As funcións de outubro
Patricia de Lorenzo:Retomamos a Ultranoite: Muros, Redondela, Vigo -
Fin de tempada en Teo con 1500 espectadorxs
Redacción Chévere:Rematou a tempada da Ultranoite no País dos Ananos en Teo, despois de permanecer tres semanas en cartel, con oito funcións realizadas a cabalo da ponte do primeiro de maio e un total de 1.472 persoas que viñeron ver a obra. A media de asistencia foi de 184 persoas por función e o nível de ocupación chegou ao 75%. Datos magníficos para unha obra de teatro, máis se temos en conta que non son cifras dun teatro público, nin sequera dun teatro dunha gran cidade. Son os resultados acadados por unha compañía de teatro privada cunha obra crítica co poder e posicionada políticamente, que foi exhibida nun pequeno concello. Unha obra tamén ambiciosa, tanto no plano artístico como na produción, cun elenco de 9 intérpretes, un musical made in Galiza con banda no escenario e actores e actrices cantando ao vivo. Datos que avalan unha vez máis o modelo de compañía residente posto en práctica por Chévere en Teo, malia non contar co apoio da Xunta nin dos teóricos do teatro. Pero a realidade vén demostrar máis unha vez que un dos futuros do teatro pasa por trascender a lóxica do bolo puntual. Para crear novos públicos, para fidelizalos e para facer sostible o traballo dos profesionais cómpre unha dinámica distinta dos fluxos de produción, programación e comunicación que pasa por aumentar a permanencia en cartel das obras. Se un concello periférico, que non chega a 20mil habitantes e que non ten ningún núcleo urbano pode programar obras de teatro galegas durantes tres, catro e cinco semanas con medias de asistencia que se achegan aos 200 espectadores, que obxectivos non se poderían acadar nos teatros das grandes cidades galegas... -
De Ultranoite con vinte anos máis
Redacción Chévere:No número 95 da edición impresa de Sermos Galiza (8 maio 20149, publícase unha crítica da Ultranoite no País dos Ananos escrita por María Laxe, na que fai un repaso ao que foron as Ultranoite e ao que é esta viaxe ao País dos Ananos. Deixamos aquí unha foto, pero para ler con calma mellor facerse cun exemplar. -
SÓ HAI UNHA ESCENOGRAFIA PERO TIÑAMOS MÁIS
Manuel Cortés:Sigamos revisando a historia. Nos albores dos ananos habia unha idea de escenografía que consistía en construir un teatriño que servise de escenario dentro do propio escenario. Un teatro a escala coas súas bambalinas, patas, telón de boca, tremoia, etc. dentro do cal se representarían os números. E fóra do cal tamén pasarían cousas: o público podería ver os cambios e as transicións dos propios actores e actrices dun lado a outro e as subidas e baixadas dos diferentes telóns escenográficos que tamén se pensaba que podía haber. Era bonito. E se non botádelle unha ollada ao esbozo analóxico de, unha vez máis, Carlos Alonso. -
Júname
Redacción Chévere:O sobriño de Negreira fai unha aparición fugaz na Ultranoite, pero ben merece un póster coma este. Poñédelle vós o texto. -
O calendario anano
Redacción Chévere:Que mellor lugar que a Porta Santa da catedral para falar do calendario anano? Arantza Villar explícanos como organizan os ananos o tempo, e aclara o motivo polo que esta especie pasa por tempadas de actividade frenética e seguidar por outras de parón total. -
A CORISTA DE PRINCE
Arantza Villar:Pois eu tamén vou tirar do fío do vestiario. Aquí vos deixo unha das primeiras probas que fixo comigo Carlos Alonso. O único que queda das prendas que levo, é a saia transparente de corista (despois de suplicarlle que me tapara un pouco o cu). Iso si, a camisola dieciochesca lévaa agora Mónica García e a chupa de Prince, o noso guitarrista Manuel Cebrián. -
O EXPLORADOR QUE SE PERDEU
Manuel Cortés:Seguindo co fío do vestiario, rescato isto que quedou polo camiño: un cruce entre o Coronel Tapioca e o Capitán Tan dos Chiripitifláuticos. Unha visión integradora interxeracional do noso deseñador que afonda no concepto steam punk anano. -
Un espazo sobrecolledor
Patricia de Lorenzo:Durante a rodaxe do documental da Ultranoite non podía faltar un escenario que nos carcome a todxs por dentro. Coñezo a moita xente que aínda non foi nunca á Cidade da Cultura e creo que é importante ir para ver cos teus propios ollos e sentir no teu propio estómago a estupidez anana. Aquí vedes a Xesús Ron e a Miguel de Lira. Eu estou tomando a foto desde un pouco mais abaixo. Non me atrevín a subir tanto... -
Buscando o vestiario
Patricia de Lorenzo:Atopei entre as miñas fotos algunhas probas de vestiario que fomos facendo durante os ensaios. Despois das funcións destas semanas en Teo, moita xente nos comenta que o vestiario e a escenografía son moi bonitos e impactantes. Pois que se saiba que tal mérito corresponde a esta figura única do teatro galego: Carlos Alonso.