Rede Nasa

Combina los criterios de búsqueda para encontrar el material que estás buscando


Eurozone

Eurozone

Abrimos este espazo para transparentar o proceso de traballo de Eurozone, a nova obra dos Chévere. Para que podas entrar e compartir probas, erros, dúbidas e solucións que van aparecendo cada día. Un espazo onde poderás interactuar cos actores e actrices da obra e seguir o desenvolvemento dos ensaios a través dos diarios de cada un deles. No Blog de Eurozone tamén atoparás información sobre os materiais xerados, sobre convocatorias, ensaios abertos, datas de estrea e funcións da obra.

Que é Eurozone?

Eurozoone quere ser un thriller político sobre a fin da idea de Europa ambientado na profunda crise actual do sistema. Un achegamento a este gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Políticos e banqueiros en lugar de gángters, arquitectura-espectáculo en lugar de almacéns, o estado do benestar europeo en lugar de xoias. E a capacidade de Chévere para sair airoso de tal pastiche.

Eurozone é un traballo sobre un dos maiores relatos colectivos construídos na época contemporánea: a reconstrución da idea de Europa despois da 2ª Guerra Mundial. Como toda historia, ten un principio, un desenvolvemento e un final. Eurozone parte do suposto de que neste momento da historia estamos participando na escrita do seu final. E consideramos que hai que contribuír a este último capítulo non só como cidadáns, senón tamén como creadores, porque non debemos deixar que sexan mans alleas as que redacten o relato da historia, que tamén é a nosa historia.

A aceleración dos sucesos que integran esta historia e a rapidez coa que podemos intervir, intercambiar, comentar, modificar estes acontecementos fan que a nosa participación na historia sexa máis intensa que nunca. Máis presente. Máis horizontal. Pasamos dunha historia con todos os dereitos reservados a unha historia de código aberto que se pode transitar, compartir, intercambiar, rescribir, transformar...

Eurozoone é unha resposta apaixoada ao tempo que nos tocou vivir, é a nosa aportación ao debate do presente. Isto é teatro feito a pé de rúa. Teatro actual manufacturado en Galicia con toda a ambición posible xusto nun momento de parálise económica e cultural.

Eurozoone é un traballo en proceso, segue a metodoloxía de creación colectiva establecida polo grupo Chévere ao longo dos anos e refrendada polo recoñecemento do público, dos profesionais e dos medios.

Eurozoone é unha aposta por achegar ao público galego espectáculos de creación contemporánea de calidade e gran formato.

Eurozoone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa.