Rede Nasa

Combina los criterios de búsqueda para encontrar el material que estás buscando


Eurozone

Eurozone

Abrimos este espazo para transparentar o proceso de traballo de Eurozone, a nova obra dos Chévere. Para que podas entrar e compartir probas, erros, dúbidas e solucións que van aparecendo cada día. Un espazo onde poderás interactuar cos actores e actrices da obra e seguir o desenvolvemento dos ensaios a través dos diarios de cada un deles. No Blog de Eurozone tamén atoparás información sobre os materiais xerados, sobre convocatorias, ensaios abertos, datas de estrea e funcións da obra.

Xron

Xron

Procedente da poesía en acción e da crítica de arte como reflexión, chega a Chévere no ano 1988 atraído pola vitalidade daquel grupo incipiente. Dende entón, Chévere converteuse en camiño e plataforma para desenvolver un activismo creativo sen límites que o ten levado a traballar durante vinte anos nun espazo cultural independente como a Nasa, a navegar a bordo dunha goleta transportando unha utopía escénica, a facer teatro coa linguaxe do fútbol, a construír unha cúpula inchable para contar unha historia en voz baixa, a botarse á estrada para percorrer Galiza cunha carpa de circo de 2000 m2, a converter o cabaré nun xénero político, a transformar os escaparates en auténticos escenarios... E a tantos outros lugares que nos permiten seguir vivindo un soño absolutamente comprometido coa realidade.

En escena

  • Xron:
    Madrid leva 10 días sen recollida de lixo por unha folga dos traballadores da empresa encargada do servizo, despois de que este fose privatizado. Van botar á rúa a máis de 1000 persoas e ao resto vanlle recortar o salario nun 40% (gañarán entre 600-700€). A cidade é unha esterqueira, as papeleiras rebentan de merda, os parques están asulagados polo lixo... E nós iniciamos a terceira semana de funcións. Este martes moitísima xente. Vai ser boa a semana.
  • Xron:
    E pola noite debate no CDN dentro do ciclo "Los lunes con voz". O tema era "Eurozone, hai alternativas? Pero ao final o debate estivo polarizado e diminuído pola presenza dun ponente tirado dunha tertulia de Intereconomía que salferiu o diálogo con ideoloxía precociñada e lugares tan comúns que aborrecían a un santo. O resto ben, capeando o temporal como puideron, aí estiveron Carlos Berzosa, Ricardo Zaldívar e César Molinas tratando de dar algunhas claves para entendermos a crise e os horizontes de futuro da Unión Europea. Foi curioso ver este debate dentro do espazo escénico da obra, dáballe outra perspectiva pero quedáballe que nin pintado. 
  • Xron:
    Onte foi un día moi completo. Pola tarde fumos a Torrespaña, onde teñen a sede dos informativos de TVE para participar no programa de cultura da canle 24 horas. A verdade é que todo o mundo nos tratou moi ben, especialmente ben, mesmo con cariño. Será que non estamos afeitos. Especialmente próximo foi Moisés Rodríguez, a quen agradecemos de corazón o apoio e simpatía que nos ofreceu desde que veu ver a obra con José Hervás, a quen tamén coñecimos e saudamos antes de entrar no plató. Tamén pasaron por alí os presentadores Lara Síscar e Diego Losada, que é de Monte Alto. Tivemos a oportunidade de ser espectadores dun informativo que se fai en directo e ver de perto ao presentador Antonio Gárate á fronte. Esta foto documenta este momento.
  • Xron:
    Esta última finde fixemos as funcións en galego con sobretítulos en castelán. Deu traballiño e houbo que facer un pase coas rapazas que levaban o sobretitulado, pero ao final quedou moi ben. Aquí tedes un aspecto de como se veían os títulos proxectados en plena función.
  • Xron:
    En Lavapies non somos os únicos en usar a imaxe de Rodrigo Rato, hai quen pide xustiza e castigo directamente. Mesmo o can parece estar agardando a que se faga xustiza.
  • Xron:
    O xoves tivemos un coloquio co público despois da función. Quedaron unhas trinta persoas e estivemos conversando durante máis dunha hora. Nada máis empezar dixeron cousas moi bonitas do traballo, despois falamos un pouco de todo, pero é curioso como se repite a mesma pregunta sobre a posibilidade dunha censura por estar programados no CDN cun espectáculo coma este. 
  • Xron:
    Cada noite despois da función toca tomar unhas cañas e unhas tapas por Lavapies. En xeral, todo máis barato ca en Santiago. Hoxe paramos no Lamiac, unha taberna vasca perto de Antón Martín, resultou difícil decidirse por unha tapa, non hai mais que mirar as caras de Miguel, Manolo e Patricia, todas tiñan moi pinta, así que fixemos unha degustación completa.
  • Xron:
    O luns 4 de novembro fixemos un obradoiro para espectadores na Casa de Galicia de Madrid. Fumos Patricia, Pepe e máis eu. Organizou o Espazo das Linguas Ibéricas, que ten cedida unha pequena aula no soto do edificio para dar as clases de galego. Sobre todo debemos dar as grazas a Carme Lamela, profesora e activista de toda a cultura galega que pasa por Madrid, que actuou de anfitriona e coordenadora E tamén a toda a xente que participou, moita galega pero tamén doutros sitios, porque foi un encontro moi interesante para nós. O domingo virán ver unha das funcións en galego, creo que son máis de cincoenta persoas que xa se apuntaron.
  • Xron:
    A semana que vén tamén haberá un debate en paralelo ás funcións de Eurozone. Faise dentro dun ciclo titulado "Los lunes con voz" e participarán varios xornalistas, profesores e economistas: Carlos Berzosa, César Molinas, Ricardo Zaldívar e Alicia González, modera Leticia Iglesias.
  • Xron:
    Ensaio na sala Mirlo Blanco do teatro, dedicada a Rivas Chérif. Mudar o texto a castelán leva o seu traballiño, hai que resetear o corpo e as mecanizacións dos movementos e dos xestos para que non saia automaticamente o galego que levamos dentro.