Teatro, emigración e memoria familiar: obradoiro con Borja Fernández
Vagas dispoñibles: 18 | Inscrición de balde ata o 9 de xuño en info@grupochevere.eu ou no 981594996
DIRIXIDO A calquera veciña ou veciño do concello que teña ou tivese algún familiar emigrado en América e a calquera outra persoa que teña interese no tema da emigración e a memoria familiar. Poden participar varios membros dunha mesma familia e de distintas xeracións (pais/fillos/netos e nais/fillas/netas). Non é necesaria ningunha experiencia previa en teatro.
PRESENTACIÓN
Dentro do programa de residencia en Teo, Chévere abriu un espazo-laboratorio denominado a Berberecheira, para dar soporte e asesoramento a proxectos de investigación escénica que axuden a documentar aspectos da nosa historia recente. O primeiro proxecto saído da Berberecheira foi Goldi Libre, un traballo sobre o movemento de insubmisión ao servizo militar a partir da experiencia persoal dun veciño de Teo. O segundo proxecto chámase Salvador e trata sobre os movementos migratorios a partir da memoria familiar do actor e músico Borja Fernández, colaborador habitual de Chévere.
Neste obradoiro Borja Fernández ensinará as tripas do proceso de creación e documentación da obra. Compartirá coas persoas asistentes os resultados da investigación realizada sobre a vida dun emigrante galego a América nos anos 50. E mostrará como as nosas biografías persoais e familiares poden servir para construír situacións escénicas, valéndose principalmente de fotografías.
Todas as persoas participantes no obradoiro serán convidadas a un dos pases da obra SALVADOR que se farán no Auditorio Constante Liste os días 17 e 18 de xuño.
A OBRA
SALVADOR é unha obra de Borja Fernández para un actor/músico e unha video jockey/manipuladora de obxectos, a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, na que se combinan texto, movemento, música en directo e proxeccións de vídeo.
SALVADOR trata sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os reencontros, centrando o seu interese nos casos de homes casados que emigraron sós a mediados do século pasado a Suramérica e no impacto da súa ausencia na configuración das comunidades locais, das familias e dos seus descendentes. SALVADOR investiga específicamente a misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho, avó paterno de Borja Fernández, que emigrou a Brasil en 1959 e nunca máis volveu.
O OBRADOIRO
Primeira sesión
Presentación biográfica e exposición documental
Cóntase como se fixo a investigación sobre a vida do emigrante Benito Fernandes Meirinho, mostrando a biografía elaborada, a documentación atopada (fotografías, cartas, pasaporte, rexistro de embarque, etc.) e os rexistros realizados (entrevistas gravadas, vídeos, mapas, etc.).
Faladoiro
Proponse ás persoas participantes que conten ao grupo as súas historias familiares sobre a emigración. Quen emigrou na súa familia? En que época? Cantos anos tiña? Como viaxou? A onde marchou? Volveu ou quedou a vivir alá? Que lembranza perdurou na familia? Que historias se contan? Que imaxes ou documentos conservamos?
Segunda sesión
Vaise traballar con material documental, sobre todo coas fotografías de emigrantes aportadas por Borja Fernández e por calquera das persoas participantes no obradoiro.
A intención é achegarse a este material dunha maneira lúdica, recreando a vida dos emigrantes a partir da imitación das posturas e xestos das persoas que aparecen retratadas nas fotografías. Para iso, faranse unha serie de xogos teatrais moi básicos para adentrarse na observación e imitación de como camiñamos ou falamos, algo accesible a calquera persoa, sen importar a idade.
Despois a fotógrafa Laura Iturralde tomará fotos das persoas participantes imitando as posturas e xestos escollidos de cada fotografía. O obxectivo é capturar unha serie de imaxes totalmente novas que son recreacións de fotos antigas, para ver como o significado dunha fotografía persoal pode ser modificado e ampliado pola intervención dun grupo de persoas.
-
(18:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(18:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(18:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.(18:00h.)
Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.