Seráns da Nasa
En escena: Pablo Reboleiro, Alfredo Pérez. Dirección: Pablo Sánchez. Coreografía: David Loira, Maca, Alfredo Pérez, Pablo Reboleiro. Escenografía: Fino. Vestiario: Clotilde Vaello. Deseño banda sonora: Narf. Iluminación: Alfonso Castro.
Encontros é un espectáculo multidisciplinar, onde o teatro físico, a danza e o novo circo se conxugan para crear un código propio de expresión, un punto de partida para comunicar, para contar ao público as inquedanzas que nos invaden. A comedia e o virtuosismo forman parte desta montaxe ecléctica que xurde do encontro de dúas persoas. Tócanse, úlense, séntense, e comezan o seu camiñar, xuntos.
As habilidades físicas e interpretativas dos actores serán o lenzo no cal as emocións debuxan a historia, sinxela, onde as personaxes viaxarán pola sinuosa liña das relacións humanas; amosando tódalas cores que hai dentro de cada un de nós, expoñendo dende a bondade máis verdadeira ata a maldade máis extrema.
Danza, acrobacia, equilibrios, manipulación de obxectos e xogos malabares estarán ao servizo da narración teatral. Serán as ferramentas que usarán os artistas para acompañar ao espectador neste percorrido polo acto da comunicación entre dúas persoas.
Lusco e fusco xorde da unión de dous dos artistas máis carismáticos do panorama do novo circo e teatro físico galego: Fredi Muíño: Circanelo, e Pablo Reboleiro: Trasno. Os dous teñen formación en circo, teatro físico, danza, e unha experiencia laboral moi similar, baseada en espectáculos de rúa unipersonais con contacto e comunicación directas co público e shows de teatro con personaxes que xorden da fisicalidade corpo.
-
(17:03h.)