Seráns da Nasa
Trompy: trompeta, efectos. Pablo Sax: saxo soprano. Enrique Otero: fender rodhes. Madammecell: teclado. Pablo Pérez: contrabaixo ou baixo eléctrico. Carlos Castro: percusión. Patxi Valera: batería
A estas alturas, pensando xa no bo tempo, lembrámonos do 70, do Festival da Illa de Wight. Miles Davis actuaba nun macro-evento inzado de rockeiros, mesturando na súa formación básica de ventos e batería instrumentos como a percusión, o teclado e o baixo eléctrico. Aí comezou a derivar o jazz cara ao funky chill-out, as burbullas ambientais ou o free-jazz, dentro dun ambiente de cambio propicio para atopar novas formas e sonoridades.
Dado que unha parte dos músicos da O.m.e.ga. manexan estas referencias musicais xeneracionais e gozan aportándoas á súa linguaxe persoal á hora de improvisar, algúns deles decidiron facer unha homenaxe pública a esa forma de facer as cousas. Embárcanse nun novo proceso lúdico de procura, inician outra enriquecedora viaxe a ningures, porque os impulsos primarios condúcennos á necesidade de formar tribu e encontramos pracer en establecer unhas regras de xogo básicas para botar unha pachanga en condicións. Un motivo de reunión, en tempos de crise, como un solteiros contra casados de toda a vida.
Petazeta. Enerxía de viaxe, ritmos intensos, latexos do corazón, sabores antigos. Funk e Drum’n’bass. Waltz lento e onírico. Soleá por bulerías. Africa. Habaneras ou boleros. Deconstruír e construír. China. Tambores. Metais. Acción.
-
(17:15h.)