Rock in micro
Despedimos a tempada iniciando un novo programa: Cosmotrópicos quere ser unha cita mensual para toda a xente que gusta de bailar, para toda a xente que ama a música tocada ao vivo, os ritmos tropicais e a mestura de culturas. Músicas da lusofonía, de Angola, Cabo Verde, Brasil, Sao Tomé, Moçambique... Pero tamén de Cuba, Venezuela, México...
Aínda que a idea é formar unha banda mutante na que se vaian integrando músicos de distintas procedencias, pero con base na Galiza, nesta primeira festa cosmotrópica recibiremos a visita dunha banda que vén de Lisboa: Afro Vungo, un proxecto feito para rescatar e divulgar toda a riqueza musical que converxeu nas illas de Sao Tomé e Príncipe, con influencias doutros países do Golfo de Guiné, de Angola, Moçambique e Cabo Verde.
Afro-Vungo, liderada por António dos Prazeres "Tonecas", o Trovador da Ilha do Príncipe, cantor, compositor e guitarrista de voz quente e melodiosa que interpretará grandes clásicos do acervo lusófono que renacerán agora con aires contemporáneos e o son desta super-banda composta polo guitarrista brasileiro Virgilio Gomes, na bateria Mingau outro brasileiro que tamén vive en Portugal, nos teclados João Oliveira de Angola e no baixo Nelson Barbosa são-tomense residente na Galiza e que foi o armadanzas (nunca mellor dito) xunto con Uxía Senlle. Adiviñamos que algo así era vital para Compostela e ademáis contamos coa complicidade da NASA, o espazo ideal para espreitar a cultura de baile e traer ata aquí o espírito do desaparecido B.Leza en Lisboa para que transiten os ritmos quentes desas latitudes. A Rumba galega, a Coladera, o Semba, o Samba, o Socopé, o Forró e outros ritmos serán irresistíbeis para animar ao persoal a saltar á pista. Solto ou en parella, ninguén ficará sen a súa dose de baile, tan necesario como respirar...
Como convidad@s asistirán: Sérgio Tannus (Brasil), Diana (Cuba) e Uxía (Galiza).
O éxito e a continuidade dependen de vós, da vosa implicación e das ideas que aportedes para que o experimento resulte atractivo e dea moitos máis froitos no futuro. Alí agardaremos este venres, sexta feira. Co pé na dança os povos irmãos unidos e, por se fose pouca cousa, haberá petiscos brasileiros e mojitos cubanos. Non deixedes de acudir a esta cita!!!
Afro Vungo son: Tonecas (guitarra e voz), de S. Tomé e Príncipe; Mingau (batería), do Brasil; Joao (teclado), de Angola; Filipinho (guitarra), de Cabo Verde; Mike (percusión) e Nelson (baixo), de S. Tomé e Príncipe.
-
(11:28h.)
-
(11:28h.)