Procesión da Santa Bolaña 2013
A "Procesión da Santa Bolaña” regresa ás rúas e tabernas de Santiago DC para celebrar un ano máis o seu ritual de viño, festa e teatro no solsticio de inverno. A procesión vaise realizar o vindeiro sábado dia 21 de Decembro, e facendo fe de puro paganismo, como xa é tradición, recorrerá as rúas de Compostela entre cánticos e ladaíñas profanas facendo parada e via crucis dramático en distintas tabernas do casco vello.
Dedicada o ano pasado na íntegra á figura de Roberto Vidal Bolaño, nesta segunda edición a Santa Bolaña ábrese ás novas xeracións de dramaturgas e dramaturgos do país, e o público asistente poderá recrear, entre viño e viño, fragmentos da obra de autoras e autores como Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso, ou Pepe Sendón, cunha recreación especial dun fragmento de Caprice des Dieux, histórica peza do proprio Bolaño, a xeito de testigo no final do ano dedicado ao dramaturgo compostelán no Día das Letras Galegas.
As recreacións teatrais estarán monitorizadas por varias persoas ligadas á creación escénica galega no papel de confrades maiores, sendo este ano Comba Campoy, Marta Pérez, Santiago Cortegoso, e Zé Paredes. A xornada dará comezo pola mañá ás 12:30h na Libraria Couceiro cunha charla baixo o acaído título “Ulo Teatro Popular?, na que os participantes, moderados polo tamén dramaturgo e coordinador do evento Carlos Santiago, debaterán sobre a raíz popular do teatro e a actualidade do misterio bufo. Xa pola tarde, a procesión partirá da Asociación de Veciños “As Brañas de Andrés”, nos Pelamios, barrio natal de Vidal Bolaño, onde será lido o bando da confraria bolañesca e Leo Arremecaghona fará as honras musicais. A procesión iniciará de seguida a ascensión da Costa Vella para visitar en laica congregación o Café Bar Trece, o Xa Chegou, o Bar As Dúas, o Grándola e o Pozo, rematando no Pub Avante con concerto e foliada.
Impulsada pola Candidatura do Povo e outros colectivos sociais e veciñais de Santiago, a Santa Bolaña reafírmase nesta segunda edición como ritual anual de carácter carnavalesco e reivindicativo e evento senlleiro do teatro popular.
Confrades Maiores
- Marta Pérez: Actriz e creadora escénica, directora da Cia Inversa Teatro, e creadora xunto a Vanesa Sotelo de espectáculos de aberto carácter experimental como “Expostas” “Kamouraska” “Paper Dolls” ou “Té con Kant”, a partir da dramaturxia contemporánea galega.
- Comba Campoy: Xornalista, guionista e actriz, participou na dirección escénica de distintas montaxes como “Menciñeiros” da Cia Volta e Dálle, ou “Os vellos non deben de namorarse” de “Ollomao de Barreiros”. Como investigadora traballa nunha tese doutoral sobre o teatro popular de títeres e o histórico colectivo Barriga Verde.
- Santiago Cortegoso: Actor, director e autor de textos como Smoke on the water (Premio Varela Buxán 2013), El charco de Ulises (Iberescena 2010), 0'7%Molotov (Premio Rafael Dieste 2009) ou Hámster (Magalia 2008). Coa súa Cia Ibuprofeno Teatro, creou A filla de Woody Allen, Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios (Premio María Casares 13) e Fitness.
- Zé Paredes: Actor e director de escena formado en Portugal, e director, xunto a Mónica Caamaño, da Cia Teatro Nu. En coautoría con Xosé Manuel Pancho Blanco gañou a XVI edición do premio Rafael Dieste coa peza “Teatro ou xeitos de cargar unha arma”.
-
(18:00h.)
Casco Vello de SantiagoSantiago de Compostela