Nósomosòn
Creación e dirección: Itsaso Arana, Pablo Fidalgo, Violeta Gil e Celso Giménez
Elenco: Lucía Oña, Gonzalo Herrero, Siro Ouro e Candela Recio
Materia prima é a última proposta da compañía La Tristura. O espectáculo toma como punto de partida Actos de juventud, montaxe que a agrupación teatral presentou en Escena Contemporánea 2010 e que estaba interpretada polos seus propios creadores, catro mozos de ao redor de 25 anos.
Materia prima é o resultado escénico dun estudo sobre a herdanza, a educación e o futuro, que empezou en 2004 e que culmina con este espectáculo que dá fin á que o grupo chamou "Triloxía da Educación Sentimental". Nesta ocasión, os materiais de La Tristura (escenas, textos e accións) son atravesados, contaminados e transformados por catro pequenos intérpretes nacidos a partir do ano 2000. Lucía Oña, Gonzalo Herrero, Siro Ouro e Candela Recio son os protagonistas desta peza que conta cun marcado carácter autobiográfico e interxeracional.
Seguindo o seu camiño de investigación na área das artes escénicas, La Tristura adaptou os diálogos e as escenas de Actos de juventud ás aptitudes de catro nenos de 10 anos. A nova versión fala da xeración nacida nos anos 80, xeración que loita por unirse, por existir e por crer en si mesma. Trátase dunha obra para adultos interpretada por nenos que fala sobre o que os maiores prometeron e que non cumpriron, tal e como o farán os rapaces.
Itsaso Arana, Pablo Fidalgo, Violeta Gil e Celso Jiménez, os catro compoñentes de La Tristura, comezaron a traballar en Madrid en 2004. Formados no ámbito teatral, centraron os seus traballos na investigación de novas linguaxes escénicas a través da creación de mundos propios e dun uso coidado da palabra. En 2006 estrearon a peza La velocidad del padre, la velocidad de la madre, coa que viaxaron por todo o territorio español. O seu segundo traballo, Años 90. Nacemos para ser estrellas, obtivo o Premio Injuve 2008 Propostas Escénicas e dous anos máis tarde a compañía estreou Actos de juventud, coa que quedou finalista do Premio L'Escorxador de Lleida.
La Tristura cre na implicación absoluta dos membros da compañía en cada aspecto do feito teatral, na toma de decisións e no compromiso activo cunha forma de vivir. No tempo da postmodernidade, a compañía fai teatro coa convicción de que as palabras e os xestos poden cambiar as cousas. E de que só hai un xeito de diferenciar o real e o ficticio, que é a busca incansable da beleza e a verdade.
Música orixinal: Merran Laginestre
Vestiario: Pedro y el lobo e La tristura
-
(10:57h.)
-
(10:57h.)