Materia Prima
Chévere mudouse a Teo e o sábado 10 ás 22,00h. presentarase aos veciños e veciñas deste concello. Tamén se trata de abrir as portas da súa nova base de operacións, o auditorio da Ramallosa, e recibir alí a teatreiras, amigos, espectadoras e xentes afeccionadas ao teatro e á cultura.
O acto contará coa participación de Martiño Noriega (Alalde do Concello de Teo), Carme Hermida (Concelleira de Cultura do Concello de Teo) e os membros da compañía Chévere Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés e Xesús Ron. Presentarase unha exposición sobre os 25 anos de traxectoria da compañía Chévere. E rematará coa actuación da Orquestra Os Modernos que nos ofrecerá un repertorio de bailes como manda a última moda: fox-trot, baiâo, bolero, habanera, corrido, cumbia, mazurca..., sen esquecer a muiñeira ou a jota.
Todo o mundo queda convidado, nós poñemos os pinchos!
Neste acto a compañía Chévere presentará o seu proxecto de residencial teatral para o ano 2012 no Concello de Teo. O proxecto inclúe un total de 42 días de actividades culturais, unha programación escénica e audiovisual con 14 espectáculos e 24 funcións, e outras actividades complementarias (campañas escolares, obradoiros, campamentos). Chévere usará como sala de ensaio, aportando as dotacións técnicas necesarias, o Auditorio da Ramallosa, onde se concentrará a programación escénica (teatro, danza, cabaré, música). O resto de actividades estenderanse a outros espazos como a Rede de Casas Comunais, Rede Municipal de Bibliotecas ou IES de Cacheiras.
-
(10:43h.)